RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Terceiro choque esta temporada entre Deportivo ABANCA e Deportivo Alavés, esta vez mañá sábado en Ibaia

O Dépor ABANCA mídese por terceira vez esta temporada ao Deportivo Alavés en choque que se xogará mañá sábado 17 de febreiro ás 13:00 horas na Cidade Deportiva José Luis Compañón en Ibaia, correspondente esta vez á 19ª xornada en Primera Federación Iberdrola. "Vai ser un partido moi igualado", vaticinou en rolda de prensa Irene Ferreras xusto antes de partir de viaxe a Vitoria.

O triunfo en Abegondo ante o DUX Logroño (2-0) o pasado sábado deixou ás Nosas á fronte da táboa con 41 puntos, por diante do RCD Espanyol e FC Barcelona B, que ademais non pode ascender pola súa condición de filial, igualados con 38 puntos.

Causan baixa para o partido por lesión Ayaka Noguchi, que foi intervida cirurxicamente esta semana con éxito polo traumatólogo Juan Trobajo no Hospital Quirónsalud A Coruña para reparar o seu ligamento lateral externo do seu xeonllo esquerdo. 

A adestradora deportivista manifestou que "é duro un momento así. É unha operación que non é o teu e non tes tanto arroupo a nivel familiar. Todo saíu ben. A primeira noite foi complicada con dores e este tipo de cousas que adoitan pasar. Desde aquí mandarlle moito apoio nesta primeira fase de estar en casa, lidando con dores e vendo aos poucos a evolución dese xeonllo".

Quixo Irene Ferreras tamén mandarlle unha mensaxe de agradecemento a Kevin Cabado (responsable do Dépor ABANCA) "porque, como Ayaka non ten aquí á súa familia, estivo moi preto dela, durante a operación, quedouse con ela pola noite, levouna, tróuxoa... Esa parte humana hai que destacala porque non é fácil ter que dedicarche a millóns de cousas e ademais estar para ese tipo de cousas que son importantísimas. Esperemos que pouquiño a pouco Ayaka vaia vendo a luz e vexámola pronto por aquí, por Abegondo".

Tamén quedan na Coruña ADT e Lucía. Segundo explicou a preparadora branquiazul, ADT "volve a non entrar. Está case pero non tivo as sensacións suficientes como para poder competir. Creo que a teremos dispoñible case seguro para o que resta de temporada se non pasa nada máis. Lucía Martínez tamén está case. Aproveitaremos a semana que vén de parón para que esas xogadoras poidan entrar en ritmo de adestramento podamos ir véndoas de verdade".

Lucía Rivas será a representante de #ANOSACANTEIRA na convocatoria, a mesma que a pasada xornada.

Na primeira volta, o pasado 12 de novembro en ABANCA-RIAZOR (na foto da noticia), venceron as deportivistas (2-1) con goles de Millene e ADT.

Ambos os equipos tamén protagonizaron o 5 de agosto a XI edición do Trofeo Teresa Herrera Feminino en ABANCA-RIAZOR, que tamén caeu ao lado coruñés (2-0), con tantos de Paula Gutiérrez e Eva Dios.

O Deportivo Alavés Gloriosas, que vén de vencer (1-2) na súa visita ao CD Alba Fundación Femenino, é 7º na táboa con 26 puntos.

Na Cidade Deportiva José Luis Compañón esta temporada as vitorianas gañaron ao Madrid CFF B (1-0),  DUX Logroño (4-2), Atlético de Madrid B (4-1) e Athletic Club B (1-0); empataron co CD Alba Fundación Femenino (1-1) e CD Fundación Osasuna Femenino (0-0); e perderon co Alhama CF (1-2), Cacereño Femenino (2-3) e FC Barcelona B (0-1).

O vestiario do Deportivo Alavés celebra ademais a convocatoria da súa porteira, Sofía Fuente, para dous partidos da selección española sub-20.

O equipo deportivista realizou esta mañá un último adestramento en Abegondo antes de subirse ao autocar rumbo a Vitoria, con esta folla de ruta:

Venres 16 de febreiro
10:00: Adestramento en Abegondo
12:15: Saída en autocar a Vitoria, con parada para comer en El Cuadro (Asturias)
19:30 (horario aproximado): Chegada ao Hotel NH Canciller Ayala

Sábado 17 de febreiro
13:00: Deportivo Alavés - Deportivo ABANCA, na Cidade Deportiva José Luis Compañón en Ibaia
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

Irene Ferreras citou de novo aos seus futbolistas o luns 19 de febreiro ás 10:00 en Abegondo.