RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Test do Dépor ABANCA mañá ante o Real Oviedo, en directo por YouTube, para ir xerando rexistros que nos permitan competir ben

O Dépor ABANCA enfróntase mañá mércores 21 de agosto ás 18:00 ao Real Oviedo en Abegondo (a porta pechada), nun novo test de pretemporada que será retransmitido en directo pola canle oficial de YouTube do RC Deportivo grazas a Auga de Parada.

Irene Ferreras, en rolda de prensa, apuntou esta mesma mañá que o obxectivo é "ir xerando rexistros que nos permitan competir ben. E agora si sabendo a folla de ruta que temos, imos matizando cousas que evidentemente nos preparen para ese primeiro bloque de partidos onde temos un comezo de dificultade".

A preparadora deportivista insiste en que o equipo "siga adquirindo as cousas que lle pedimos desde o corpo técnico. A partir de aí chegar o mellor preparados posible á xornada 1".

Son baixas forzosas para o encontro Henar e Lucía Martínez, ambas as lesionadas; á vez que Marina Artero e Olaya, convocadas por España para o Mundial sub-20 de Colombia que arrinca a final de mes.

A esta cita mundialista acudirá tamén a deportivista Michi Apóstol, neste caso con Venezuela.

Pola súa banda, Paula Novo, Carmen Carballada, Paula Monteagudo, Elena Vázquez, Lucía Rivas, Laura Ruiz, Martina Rivas e Antía Veiga serán as representantes de #ANOSACANTEIRA.

Precisamente a gran novidade é Antía Veiga (na foto da noticia), a gardameta internacional que se converte na primeira futbolista do Orzán SD convocada para o primeiro equipo sendo o seu primeiro ano de cadete.

Laura Ruiz é a outra xogadora que debuta ás ordes de Irene Ferreras no Dépor ABANCA.

O de mañá ante as ovetenses, que militan en Segunda Federación, será o 5º partido de pretemporada das branquiazuis após os xogados anteriormente ante SC Braga, Sporting CP, Athletic Club e SD Eibar, todos eles de Primera División.

Pola súa banda, nesta pretemporada o Real Oviedo gañou ao Real Avilés CF (1-0); e caeu co Deportivo Alavés Gloriosas (0-3) e Real Racing Club (0-1).

Andrea Suárez, a súa adestradora, advirte que nas pretemporadas "hai que sumar minutos, cargar as pernas, traballar o que queremos ser, o modelo do que queremos ser e seguir traballando".

Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o xoves 22 de agosto a partir das 11:00 horas, con ximnasio previo ás 9:45.