Tino Fernández: "Foi unha das Xuntas con maior participación"
Tino Fernández atendeu aos medios de comunicación á conclusión da Xunta Extraordinaria de Accionistas na que resultou reelixido presidente do RC Deportivo, para tratar diversos relativos á actualidade do Club.
O máximo mandatario branquiazul falou dunha "asemblea tranquila, de bo ton. Eramos a única candidatura por tanto tampouco podía pasar outra cousa". "Foi unha das maiores participacións da historia do Club, se exceptuamos a de 2014", matizou a posteriori.
Sobre a intervención de Miguel Otero, Tino Fernández comentou que "todas as acusacións terán a súa resposta, pero hoxe non é o día, aínda que houbo algunha especialmente grave que me afectaba no persoal e había que aclarala".
Acerca das críticas relacionadas coa ampliación de capital, o presidente branquiazul foi tallante: "Foi unha obrigación, pero tamén foi modélica. A única desgraza foi non captar máis diñeiro", afirmou.
Preguntado por temas deportivos, Tino remitiu a varios xornalistas ás recentes comparecencias de Carmelo del Pozo, Director Deportivo do Club. Con todo, si realizou apreciacións como que "somos o equipo de Segunda que máis se moveu e queda moito mercado aínda" ou que o desexo do Club é que Celso Borges continúe no equipo.
A campaña de abonados tamén foi asunto tratado polo máximo mandatario deportivista. "Os socios ao final responderán, empezamos moi pronto. Este ano non temos o efecto que xera o Teresa Herrera. Mesmo este ano estaremos un chisco penalizados porque posiblemente até setembro non imos ter o primeiro partido en Riazor", explicou.
Precisamente sobre as obras de reforma da cuberta do Estadio ABANCA-RIAZOR, Tino afirmou que "a información que teño é que a final de agosto tería que estar acabado, e se non acabado, si en disposición de que se xogue, aínda que igual algún sector non se poida utilizar".