Traballo esta mañá en ABANCA-RIAZOR nada máis baixar do avión de regreso e "corrixir os erros para que non volvan pasar"
O Dépor adestrouse en ABANCA-RIAZOR nada máis baixarse do avión que trouxo á expedición branquiazul de Andalucía á primeira hora desta mañá.
A pesar de que tocou diana no hotel de concentración en Sevilla ás 5:30 desta pasada madrugada, os futbolistas saltaron ao céspede do estadio deportivista ao redor das 10:30.
"Non queda outra que levantarse a adestrar e corrixir os erros para que non volvan pasar o próximo partido", declarou Cristian Herrera, un dos futbolistas de máis experiencia no vestiario, na zona mixta do Nuevo El Arcángel.
Un dos capitáns, Diego Villares, admite que os desaxustes defensivos do equipo "nunha liga tan igualada penalizan moito".
Loxicamente os titulares onte en Córdoba apenas 12 horas antes tiveron menos carga de traballo cunha activación, rondos e tarefas de recuperación (estiramentos...)
Para os demais a xornada completouse cun exercicio de posición e fútbol reducido, de alta intensidade.
Mfulu, cunha sobrecarga muscular que o deixou fóra do partido de onte, adestrouse co readaptador Fernando Rodríguez.
O equipo descansa mañá domingo e o luns; e regresa aos adestramentos o martes 17 de setembro en Abegondo para comezar a preparar a seguinte cita ligueira, a visita do Burgos CF a ABANCA-RIAZOR prevista para o sábado 21 de setembro ás 18:30 (#Vamos).