RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Un Dépor "con capacidade de sufrir en momentos malos" mídese a unha UD Almería "cunha bagaxe ofensiva importante"

O Dépor enfróntase mañá domingo ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion) á UD Almería no UD Almería Stadium en partido correspondente á 15ª xornada en LaLiga Hypermotion.

A vitoria do pasado luns en ABANCA-RIAZOR ante a SD Eibar (1-0) deixou a Os Nosos con 16 puntos na 15ª posición en LaLiga Hypermotion.

En rolda de prensa, Óscar Gilsanz queda con ese partido ante os vascos "porque o equipo mostrou moitas máis cousas que o día ante o FC Cartagena. Mostrou unha capacidade de saber sufrir en momentos malos e non só saber sufrir, senón responder e mellorar en por exemplo a defensa de centros laterais. Practicamente non nos remataron ningún".

O técnico branquiazul cre que o Dépor "tivo momentos en que sen saír de atrás porque o rival nos apertaba e respondendo a esa situación. Vai ser unha aprendizaxe para o futuro nunha categoría onde gañar 1-5 non é o máis común e onde o máis común é gozar dos partidos igualados. Loxicamente os igualados ás veces non caen do teu lado, caen do outro lado; pero gozar desa competitividade".

A semana deixou a gran noticia da renovación de David Mella, que será deportivista polo menos até xuño de 2029.

O equipo branquiazul realizou esta mañá en Abegondo a última sesión de traballo previa ao partido entre os campos 2 e 3 da Cidade Deportiva.

Após unha activación, os futbolistas repasaron unha vez máis o plan de xogo e as accións a balón parado.

Son baixa por lesión Jaime, José Ánxo, Ximo Navarro e Mfulu por lesión; ademais de Obrador, sancionado por acumulación de amoestacións; e Yeremay, concentrado coa selección española sub-21 para disputar dous partidos amigables.

Tamén quedaron na Coruña Lucas, cunha molestia nos isquios; e Mella, cunha molestia nun xemelgo.

Pola súa banda, a UD Almería, que a pasada fin de semana gañou (1-2) en Elche, é 12º con 19 puntos pero cun partido menos xogado. Ante os medios de comunicación, o preparador deportivista apunta que o andaluz é un equipo "cunha bagaxe ofensiva importante" e lembra que conta "con futbolistas de moito nivel para a categoría".

No UD Almería Stadium esta temporada os andaluces gañaron ao Burgos CF (2-0) e Albacete Balompié (3-1); empataron co Sporting de Gijón (1-1) e SD Eibar (2-2); e perderon co CD Castellón (2-5).

Rubi, adestrador almeriense, advirte que o Dépor chega "en bo momento" e ve ao seu equipo "crecendo. Está moito máis centrado en defensa".

Finalizado o encontro, Os Nosos regresan nun voo que ten previsto aterrar a medianoite no Aeroporto da Coruña e adestraranse de novo o luns 18 de novembro ás 11:00 en Abegondo.