RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un discurso institucional aos accionistas pechará a etapa de Tino Fernández como presidente do Deportivo

O primeiro punto da convocatoria da Xunta Xeral Extraordinaria do Real Club Deportivo de La Coruña, SAD, publicada esta mañá, recolle a "Dimisión voluntaria do actual órgano de goberno e toma de razón da mesma pola Sociedade".

Esta toma de razón chegará a través do discurso institucional que o presidente do Club, Tino Fernández, dará a todos os accionistas presentes no salón Gaivota de Palexco.

O presidente e o consello de administración do Club tomaron a determinación de non facer até entón ningunha outra declaración pública ao considerar que deben ser os accionistas, donos da sociedade, e quen case por unanimidade confiáronlles o mandato desenvolvido, os que coñezan de primeira man as súas razóns.

Ademais, o presidente tamén fará balance desta etapa á fronte da sociedade e abordará a situación actual antes de facer referencia aos desafíos e retos aos que se enfronta o Club nos próximos anos.

Uns desafíos que deberán ser afrontados xa polo consello de administración e o presidente que, a continuación, resulten elixidos polos accionistas presentes e representados na Xunta Xeral.

Por considerar a Xunta de Accionistas o foro idóneo, para non interferir no proceso de configuración deses grupos de traballo que deben presentarse a dirixir o Club e, sobre todo, para non interferir nos retos deportivos que teñen os primeiros equipos masculino e feminino do Deportivo, esa será a única intervención de Tino Fernández como presidente do Real Club Deportivo até ese momento.

Como xa solicitou o consello de administración o pasado luns, quere reiterar a súa petición ao deportivismo do máximo apoio no que resta de temporada tanto ao Dépor como ao Dépor ABANCA para poder lograr o ascenso a LaLiga Santander e a liga Iberdrola, respectivamente.