RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

Un Xuvenil A preparado e a UD Las Palmas buscan mañá nun Abegondo cheo un posto nos cuartos de final da Copa del Rey

O Xuvenil A medirase á UD Las Palmas nos oitavos de final da Copa del Rey, a partido único, mañá mércores 24 de xaneiro ás 19:00 (Youtube RC Deportivo) en Abegondo, que colgou para o partido o cartel de non hai billetes.

Manuel Pablo manifestou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR a este respecto que "non fai falta nin chamalos. Creo que vai vir moita xente. A #ANOSAFORZA non podemos pedirlles nada senón que estea alí porque nos dá esa enerxía. Sempre que tivemos eses ambientes favorecéronnos. Tentaremos aproveitar ese ambiente para esa enerxía extra que necesitamos ante un moi bo rival".

Sostén que a Copa "é unha competición bonita. Enfróntasche a equipos doutras rexións. É un torneo encima curto e os xogadores sénteno con moita ilusión. Son partidos diferentes ante rivais máis complicados posiblemente ou de distinto nivel. Estamos preparados para seguir adiante".

Os branquiazuis eliminaron en dezaseisavos de final ao Athletic Club (0-1) en Lezama cun gol de Dani Estévez aos 18 minutos.

Non oculta o adestrador deportivista, canario afincado na Coruña, que "é un partido para min especial. Nós imos tentar facer sempre o mesmo, xogar coas nosas armas, sabendo que enfronte hai un rival moi bo, que tenta dominar moito os partidos e nós temos que traballar e competir como o fixemos outras veces neste torneo".

O conxunto branquiazul, após a súa goleada á SD Compostela o pasado domingo (1-5), marcha na liga na 3ª posición da táboa con 38 puntos, superado polo Real Oviedo (39 puntos) e o Real Racing Club (40 puntos).

Da liga, Manuel Pablo admite que "ao principio non estivemos como debiamos de estar. Perdemos algúns partidos contra rivais que deberiamos gañar. Recibiamos moitos goles a principio de temporada. Aos poucos nos habemos ir refacendo. Tivemos unha derrota co Real Oviedo cando nos estabamos achegando xa a eses equipos. É unha competición difícil. Aproveitamos estas fins de semana para achegarnos. Está moi igualada. Este ano está o Real Oviedo, o ano pasado o Sporting de Gijón. Está o Racing de Santander que é moi forte, está a facer as cousas moi ben. Sempre está aí moi preto. Este ano está moi forte. O ano pasado esta competición despistounos un pouquiño porque cada vez que xogabamos un partido de Copa o seguinte non o conseguiamos gañar. Este ano o partido de casa despois da primeira eliminatoria custou moito gañalo. É normal co subidón destas eliminatorias. Temos partidos difíciles. Despois da UD Las Palmas toca o RC Celta en Abegondo. Non é un calendario fácil pero estamos en boa dinámica e esperamos aproveitar esa boa dinámica".

Entre as baixas no equipo deportivista está a de Amin, concentrado coa selección sub-20 de Marrocos até o vindeiro venres 26 de xaneiro.

A lista do Xuvenil A para o partido está formada por estes xogadores: Román, Rodrigo, Vilela, Carreira, Zoe, Dani Estévez, Álvaro, Domínguez, Guerrero, Álex Delgado, Hugo Torres, Noé, Ayman, Pablo García, Manu Ferreiro, Mardones, Martiño, Samuel Fernández, Kevin Sánchez, Rubén Fernández, David e Héctor.

A pasada temporada o equipo que dirixe Manuel Pablo apeou ao RC Celta (dezaseisavos de final), Atlético de Madrid (oitavos) e Vilarreal CF (cuartos). A UD Almería superou aos branquiazuis na semifinal de León cun gol no desconto.

Pola súa banda, a UD Las Palmas, que a fin de semana pasada goleou en liga (5-0) no Anexo ao Estadio Gran Canaria ao Acodetti CF, é líder destacado do grupo 6º da División de Honra con 46 puntos, con 16 de vantaxe sobre o 2º, o CD Tenerife.

O preparador deportivista advirte que "é un equipo que, na esencia do fútbol canario asociativo, tenta dominar os partidos. Tamén pode ser moi vertical no último tramo, con bos xogadores sempre. Nós estamos a facer bo traballo aquí, tentamos ter as nosas armas. Imos tentar tamén ser protagonistas e igualar ese dominio. Temos que conseguir que non sexa un dominio moi forte deles para nós ter as nosas oportunidades".

Os amarelos encaran a eliminatoria cun día máis de descanso, posto que xogaron o seu partido de liga o sábado 20 mentres que o Xuvenil A tivo que xogar o domingo ao negarse a SD Compostela a adiantar o partido, a pesar de que o sábado é o día no que os santiagueses disputan a maior parte dos partidos desta temporada no seu campo.

O gañador desta eliminatoria de Abegondo visitará en cuartos de final ao vencedor do Villarreal CF - Real Mallorca.