RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Visita institucional da Asociación Europea de Clubs (ECA) ao RC Deportivo

A Asociación Europea de Clubs (ECA), que preside Nasser Al-khelaïfi, presidente tamén do Paris Saint-Germain, realizou este mércores 24 de xullo unha visita institucional ao RC Deportivo, membro desde o pasado mes de xuño.

A delegación do organismo europeo, representada por Daniel Cerejido, visitou pola mañá as instalacións de Abegondo, onde puido comprobar a enorme mellora da cidade deportiva branquiazul. O representante da ECA estivo acompañado durante toda a visita por directivos do Club. Pola tarde, a actividade trasladouse ao Estadio ABANCA-RIAZOR.

Con sede na cidade suíza de Nyon, a ECA é recoñecida oficialmente pola UEFA e a FIFA como o único organismo independente para os clubs de fútbol a nivel europeo.

A Asociación está integrada por clubs das 55 asociacións nacionais europeas e desde a súa creación en 2008 o seu obxectivo é dar valor aos seus membros, á vez que protexer, fortalecer e desenvolver os intereses dos clubs europeos. "Actuamos para fortalecer a cada club en beneficio de todos e para asegurar que os clubs estean no centro das decisións", afirman desde o organismo europeo.

A ECA celebrará do 8 ao 10 de outubro a súa Asemblea Xeral. Terá lugar en Atenas, e o RC Deportivo estará presente. 

En España, ademais do RC Deportivo, forman parte da ECA o Atlético de Madrid, Vilarreal CF, Valencia CF, Real Betis, Sevilla FC, Athletic Club ou Real Sociedad, entre outros.

Daniel Cerejido afirmou que "é unha honra para a ECA, e para min persoalmente, dar a benvida á Asociación ao Real Club Deportivo, un histórico do fútbol español que, na súa volta ao fútbol profesional, únese á asociación".

O citado membro do organismo europeo non ten dúbida que "o desenvolvemento do proxecto estratéxico e de Club que nos presentaron traerá resultados que lle volverán a colocar tanto a nivel deportivo como institucional no lugar de privilexio que o Deportivo ten historicamente reservado no fútbol español e europeo".

Pola súa banda, Jan Wappler, Director Corporativo do RC Deportivo, manifestou que "foi unha honra recibir a visita da ECA na casa de todo o deportivismo. Ilusiónanos formar parte da súa organización e desenvolver proxectos xuntos. Agradecemos as prezadas achegas da ECA e esperamos seguir crecendo da man".