Ximo Navarro comezou esta mañá a súa progresiva incorporación ao traballo de grupo, no regreso do Dépor a Abegondo
Ximo Navarro entra na recta final da súa recuperación. Esta mañá, o defensor deportivista comezou o seu progresivo regreso ao traballo de grupo. Así, realizou as primeiras tarefas (activación e rondos) co resto dos seus compañeiros e a continuación seguiu o seu plan personalizado supervisado polo readaptador, Álex Canosa.
Despois de dous días libres (o luns e onte martes), Imanol Idiakez dispuxo para Os Nosos unha tarefa de posición no campo 2 como un dos exercicios principais.
En rolda de prensa, Salva Sevilla asegura que "o míster está a buscar diferentes opcións, ter variantes, diferentes rexistros e adaptámonos ben. O equipo sumou 4 puntos de 6. Queremos sumar 6 de 6 que será o ideal, pero 4 de 6 con dous partidos fóra de ABANCA-RIAZOR é unha bagaxe positiva. E queremos facelo agora bo en casa".
O veterano centrocampista branquiazul insiste en que Imanol Idiakez "valora diferentes opcións en función do rival, en función nosa e expón o partido da mellor maneira. Nós o que temos que facer é adaptarnos o mellor posible, sexa a posición que nos toque, traballar para o equipo, que é o importante".
Fútbol reducido para coller ritmo nas pernas e un exercicio de finalizacións completaron o primeiro adestramento previo á visita do Nàstic de Tarragona do domingo 29 de outubro ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR (TVG-2 e FEF TV).
Yeremay, Balenziaga, Jaime e Barbero están con traballo personalizado.
Pola súa banda, Martín Ochoa, Mella, Jairo, Rubén, Iano Simão e Marc foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.
Mañá xoves, Os Nosos adéstranse a partir das 10:30 en Abegondo, con almorzo previo ás 8:45 e comida tamén na instalación nada máis concluír.