Yohana, feliz por estar onde quero estar, cualifica o ano como máxico para o deportivismo
Yohana Gómez pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo asinada a súa renovación polo Dépor ABANCA até xuño de 2026.
A gardameta branquiazul cualificou o ano como "máxico para o deportivismo. Tanto o noso ascenso como o dos mozos foi incrible. Desde aquí quero darlles o parabén, o seu traballo foi espectacular. Persistiron, tiveron resiliencia e grazas a iso conseguiron o obxectivo. Foi máxico poder vivir o domingo pasado en ABANCA-RIAZOR o que vivimos".
Así mesmo, mostrouse "moi contenta porque o Club me brindase esta oportunidade de poder seguir 2 anos máis. Aquí son feliz e onde un está feliz é onde quere estar. O RC Deportivo aposta polo fútbol feminino, está visto, e eu estou encantada aquí, onde quero estar", repite.
Nesta liña, apunta que a negociación entre Club e futbolista "estaba no mesmo camiño. As dúas partes queriamos seguir aquí e estou moi contenta".
Yohana pensa que a aposta do Dépor ABANCA "é unha aposta de futuro moi boa, o equipo aposta sempre polo fútbol feminino e está visto que nós temos de todo. Aquí estamos moi ben e moi contentas".
De regreso á liga F a próxima temporada, a porteira branquiazul márcase como obxectivo "asentarnos na categoría, ver que podemos e que queremos máis".