Hoxe cúmprense 75 anos dun fito na historia do deportivismo. Tal día como hoxe, en 1941, o Deportivo poñía fin a máis dunha década (dez temporadas futbolísticas máis tres anos de paréntese da Guerra Civil) de intentos frustrados de coarse entre os grandes do fútbol español, logrando por primeira vez o ascenso á máxima categoría. O 4 de maio de 1941, o Deportivo derrotou ao Murcia por 2-1, en partido de promoción disputado no madrileño estadio de Vallecas, logrando así o pasaporte a Primeira División. É un vigués, Manuel Guimeráns, que comeza unha longa etapa (dez temporadas) no Dépor, o autor do gol que, na prórroga, decidiu o partido.
A segunda tempada futbolística tras a Guerra Civil arrinca con numerosas novidades no persoal branquiazul, que o curso anterior acariña o ascenso, perdido no minuto 88 do partido de promoción ante o Celta (1-0). A presidencia osténtaa o home que evitou que un moribundo Deportivo desaparecese durante e tras a Guerra Civil, José María Salvador y Merino.
Desde o FC Barcelona aterra, de regreso a Marineda onde xogara entre 1928 e 1931, Hilario Marrero, para exercer labores de adestrador-xogador. Xunto a el, fan o mesmo traxecto Mayoral, Muntané e Pascual, este último cedido. Do Celta chega o defensa Montserrat e da Atlético Aviación un dianteiro internacional, Elícegui. Tamén se incorpora ao centrocampista asturiano Molaza, ao porteiro aragonés Omist, a un defensa do Marte coruñés, cuxo curioso ‘nome de guerra' é Ra, e a outro valor local, Cholas, que no seu debut, na oitava xornada fronte ao Osasuna, sofre unha fractura de morna que lle fai perderse o resto da tempada.
O equipo deportivista comeza case imparable, conquistando 7 dos 8 primeiros puntos en xogo. Gana en Xixón (1-3) e empata en Salamanca (1-1), pero no Parque de Riazor pasa por encima de Barakaldo (9-0) e Racing de Santander (7-0). Na quinta xornada sofre a súa primeira derrota, en Atocha ante a Real Sociedad (4-2), á que segue unha terceira goleada en casa, fronte ao Avilés (7-0), antes da segunda derrota, no campo de Ibaiondo fronte ao Arenas de Getxo (2-1).
A partir de aí, o RC Deportivo encadea unha serie histórica de 14 xornadas sen coñecer a derrota. Suma dez vitorias e catro empates, só un deles en casa, fronte á Real Sociedad (2-2).
Na penúltima xornada, os herculinos selan a súa clasificación para a fase de ascenso, ao vencer ao Ferrol (2-0) no Parque de Riazor, triunfo co que pechan unha impresionante Liga como locais: 10 vitorias e un empate en 11 partidos, con 51 goles a favor e só 8 en contra. A pesar da derrota en Irún (2-0) na última xornada, o Gijón non pode alcanzar ao equipo deportivista, que conclúe segundo por detrás da Real Sociedad.
Non hai ascensos directos. Os dous primeiros clasificados de cada un dos dous grupos de Segunda División disputan unha liguiña que outorga dous billetes a Primeira e dúas prazas de promoción a partido único fronte ao terceiro e cuarto clasificados pola cola da división de honra.
Deportivo, Real Sociedad, Granada e Castellón loitan por iso. Os branquiazuis só son capaces de gañar ao Castellón (6-0) e ao Granada (3-1), e perden os outros tres encontros, ante a Real (2-0 en San Sebastián e 3-4 na Coruña) e o Castellón (3-0 no Sequiol).
Aínda así, o equipo coruñés chega coas súas opcións intactas á última xornada. Visita ao Granada, xa ascendido, mentres Real e Castellón mídense en Atocha. Coruñeses, donostiarras e levantinos atópanse empatados a 4 puntos. A pesar de que o Dépor, animado pola parroquia granadina, conquista Los Cármenes (1-3), a Real vapulea ao Castellón (7-1). Deportivo e Real empatan a todo. Ambos suman 6 puntos, 15 goles a favor e 11 en contra. O golaveraje particular determina que a Real, que venceu os dous partidos, ocupa a segunda praza e sobe directamente. O Deportivo, terceiro, debe disputar a promoción por segunda campaña consecutiva. Esta vez o rival é o Murcia, antepenúltimo clasificado en Primeira División.
Aquel 4 de maio, ás ordes de Hilario Marrero, saltan ao terreo de xogo de Vallecas: Acuña; Pedrito, Novo; Muntané, Molaza, Reboredo; Breijo, Guimeráns, Elícegui, Chacho e Chao. Polo Murcia, dirixido por Juan Armet, xogan: Suárez; Tamayo, Sierra; Rancel, Solé, Huete; Veiga, Quetglas, Uria, Muñiz e Tito.
É precisamente este último, o extremo esquerdo do conxunto pimentonero, o que adianta ao Murcia. Acuña nada pode facer ante o seu remate de socato, a centro de Veiga desde o outro costado do ataque murciano. Corre o minuto 33 do primeiro período.
O Murcia prefire non amarrar e págao caro. A once minutos do final do partido, Chacho asina o empate cun magnífico disparo afastado que se introduce a media altura pegado ao poste da portaría de Suárez.
Hai que ir á prórroga. Nela, xorden dous grandes protagonistas. Primeiro, Guimeráns, que adianta ao Deportivo ao seis minutos do tempo extra. E despois, Acuña. ‘Xanetas' aborta todos os intentos dun equipo murciano envorcado en pos do tanto do empate. Centenares de galegos residentes en Madrid celebran nas bancadas o éxito coruñés.
O regreso do equipo á cidade é apoteósico. As principais rúas abarrótanse para recibir á comitiva deportivista, que tamén é honrada cunha recepción oficial no Concello coruñes, encabezada polo Alcalde José Crespo.
Cabe apuntar varias curiosidades daquela temporada. A primeira, que por desexo expreso de Hilario Marrero, os adestramentos celébranse a porta pechada. A segunda, que a entidade se denomina Club Deportivo de La Coruña, pois o 16 de maio de 1931 acórdase suprimirlle o título de Real, que recupera inmediatamente despois do ascenso, en xuño de 1941. A terceira, que Julio Elícegui convértese no máximo goleador do Deportivo nunha soa campaña ligueira, ao marcar 30 goles, rexistro que aínda hoxe perdura.
Porteiros: Acuña (24 partidos/-17 goles) e Omist (4/-9)
Defensas: Montserrat (25), Novo (20), Pedrito (9) e Ra (1)
Medios: Molaza (25), Reboredo (22), Quintas (11/2 goles), Muntané (11), Cela (5), Neira (4/1), Cholas (1) e Rodríguez (1)
Dianteiros: Chao (27/20), Breijo (24/11), Elícegui (24/30), Chacho (22/10), Guimeráns (20/11), Hilario (20/5), Mayoral (4), Pascual (2) e Pintos (1)