RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Adestramento de forte carga táctica para un Dépor no que "a xente o primeiro que fai sempre é tentar axudar ao compañeiro"

O Dépor realizou esta mañá un adestramento de forte carga táctica no campo 3 da Cidade Deportiva.

A mañá arrincou no céspede cunha activación e un xogo de posición con porterías pequenas no campo 2.

Diego Villares, un dos capitáns do equipo, presumiu ante os medios de comunicación que no Dépor "a xente o primeiro que fai sempre é tentar axudar ao compañeiro e moito máis os que non están a contar tanto para o míster, que nunca poñen unha mala cara, sempre sorrindo desde primeira hora da mañá".

Pensa o mediocentro branquiazul que "é de agradecer para todo o mundo; e fai que o vestiario e que o equipo leve todo moito mellor".

Juan Gauto, lesionado; e Yeremay, que hoxe xoga ante Kazajistán coa selección española sub-21 en La Línea de la Concepción, foron as únicas ausencias no campo.

Sobre o canario, Villares recoñeceu que de cara ao domingo "é unha baixa importante para nós porque nos estaba dando moito e estaba a xogar todo; pero tamén se merece esta convocatoria como o que máis".

Iso si, advirte que "no equipo hai xente que está moi preparada e dá o nivel sobradamente para poder suplilo a el con fartura esta fin de semana".

Kevin Sánchez foi o representante de ANOSACANTEIRA ás ordes de Imanol Idiakez.

Mañá venres, o Dépor completará a partir das 11:00 o seu último adestramento en Abegondo posto que o sábado, día antes do partido do domingo ás 21:00 (LaLiga TV Hypermotion) no Estadio Martínez Valero, Os Nosos adestraranse a partir das 19:00 horas na Cidade Deportiva do Elche CF.