Arsenio Iglesias Pardo (Arteixo, A Coruña, 24 de decembro de 1930), o personaxe con maior influencia directa no terreo de xogo nos 116 anos de historia do RC Deportivo, faleceu hoxe venres 5 de maio aos 92 anos de idade.
Arsenio é un dos personaxes máis notables da centenaria historia deportivista, vinculado ao Club como xogador e adestrador, en distintas etapas, durante un cuarto de século.
O arteixán é o adestrador que máis partidos oficiais dirixiu ao Dépor (568) e o técnico que levou ao Club a conquistar a súa primeira Copa do Rei en 1995. Arsenio estivo un cuarto de século vinculado de maneira directa ao RC Deportivo, como xogador do Fabril e do CD Juvenil, como futbolista do primeiro equipo, como adestrador do Fabril e como técnico do primeiro equipo. Cun total de 714 partidos oficiais co primeiro equipo, como adestrador e como xogador, é o personaxe con maior influencia directa no terreo de xogo ao longo destes 116 anos.
Arsenio Iglesias Pardo nace o 24 de decembro de 1930, na localidade coruñesa de Arteixo, sendo o pequeno de nove irmáns. Despois de militar en varios equipos, como o Penouqueira, o Ciudad Jardín ou o Bergantiños, ficha polo Fabril, co que unicamente disputa 6 partidos, antes de pasar ao CD Juvenil, filial do Deportivo. Corre o ano 1950. O Deportivo alcanza o subcampeonato de Primeira División e, na temporada seguinte, a súa dianteira faise famosa. Son Corcuera, Oswaldo, Franco, Moll e Tino, a coñecida como ‘Orquestra Canaro'.
Os traspasos de Franco e Tino no verán de 1951, unidos ás lesións, en outubro, de Corcuera, Oswaldo e Moll, fan que Chacho, o técnico deportivista, bote man do filial. Alí está Arsenio, que debuta o 28 de outubro de 1951 na visita a Les Corts, campo do FC Barcelona, en partido da 8ª xornada do Campionato de Primeira División. Faio, ademais, marcando o gol da honra na derrota deportivista por 6-1.
Arsenio xoga esa e as cinco campañas posteriores co Deportivo, sempre en Primeira División, sendo indiscutible nas tres últimas. Nas filas branquiazuis disputa 146 partidos (135 en Primeira, 6 de promoción e 5 de Copa), nos que anota 34 goles. En marzo de 1955 é convocado pola selección española para un encontro amigable fronte a Francia en Madrid, aínda que non chega a debutar. Na campaña 1955-1956, marca o gol número 600 do Deportivo na máxima categoría. A entidade coruñesa traspásao ao Sevilla FC, mediado o exercicio 1956-1957 aínda que para o curso 1957-1958, por 50.000 pesetas máis as cesións de Liz e Areas.
Despois dun ano na capital hispalense, márchase ao Granada CF, onde milita cinco campañas e media e mesmo disputa unha final de Copa. Despois dunha temporada e media no Real Oviedo, colga as botas no Albacete Balompié, aos 35 anos, no transcurso da Temporada 1965-1966.
Un ano despois, regresa ao Deportivo para comezar a súa carreira como adestrador. En 1967 faise cargo do Fabril, ao que dirixe durante tres temporadas e media, ata que no Nadal de 1970 toma as rendas do primeiro equipo, trala destitución de Roque Olsen cando o Dépor marcha quinto en Segunda División. Arsenio debuta o 3 de xaneiro de 1971, cun empate en Riazor ante o Racing de Ferrol (2-2). Na última xornada, o Deportivo xógase o ascenso directamente co Rayo Vallecano. Aos madrileños bástalles un empate. Un gol de Beci dá os dous puntos e o billete a Primeira aos coruñeses. En só 20 partidos, Arsenio suma o seu primeiro éxito.
O preparador arteixán dirixe ao Dépor en Primeira as dúas campañas seguintes. Na primeira, o equipo logra manter a categoría coa décimo cuarta praza. Na segunda, non pode evitar o descenso. Arsenio fai as maletas rumbo a Alacante. Co Hércules CF logra un ascenso e a mellor clasificación da historia do club en Primeira: quinto. En Zaragoza repite ascenso, en Burgos logra a permanencia en Primeira e en Elxe acariña outro salto á elite. En Almería, na Temporada 1980-1981, sofre a súa primeira destitución, que marca un punto de inflexión na súa carreira nos bancos.
Despois de pasar en branco o curso 1981-1982, após once campañas consecutivas sentado en diferentes bancos, regresa a Riazor para unha esperanzadora temporada, a 1982-1983. O Rayo Vallecano volve cruzarse no camiño do Dépor e de Arsenio nunha última xornada. Nesta ocasión, o empate basta ao Dépor ante os vallecanos, que non se xogan nada no aspecto deportivo. Os nervios traizoan aos coruñeses, que perden por 1-2. O favorecido é o RCD Mallorca. Dous rayistas, Izquierdo e García Jiménez, fichan semanas despois polo conxunto balear...
Arsenio continúa dúas temporadas máis, a 1983-1984 e a 1984-1985, co equipo lonxe de recuperar a súa praza na división de honra, en clara fase descendente. O técnico abandona a elite e mata a fame de adestrar no fútbol amateur, en Terceira. Nun SD Compostela a cuxas portas chama Andrés García Yáñez tres anos despois, presa da desesperación, en busca do salvavidas, para evitar a traxedia, no curso 1987-1988. O RC Deportivo, afogado polas débedas, trata de agarrarse ao seu fetiche, a un home de club e do Club.
Cando Arsenio retorna a Riazor, quedan catorce xornadas para acabar o Campionato de Segunda División. O Dépor ocupa prazas de descenso a Segunda B, tres puntos por baixo da zona de permanencia. Ao equipo cústalle gañar, pero só concede tres derrotas. Despois de catro empates consecutivos, alcanza a última xornada cunha única combinación posible para regatear o drama: que o Bilbao Athletic perda en Xerez e derrotar en Riazor ao Racing de Santander. O primeiro comeza a tomar forma nos primeiros minutos da segunda parte, con dous goles dos andaluces. Con todo, o Deportivo é incapaz de vencer a resistencia dun inconmensurable Pedro Alba. Ata que no minuto 92, á saída dun saque de esquina, ‘Chuchi' Hidalgo envía un balón raso ao corazón da área que cae a pés de Vicente Celeiro. O villalbés controla o esférico, acomódao á súa perna boa, a dereita, e bate ao meta cántabro. O delirio. O Deportivo, da man de Arsenio, logra a permanencia e esquiva unha máis que probable desaparición.
Semanas despois, Augusto César Lendoiro aterra no Club. O novo presidente renova a confianza no técnico de Arteixo. Na Temporada 1988-1989, o Dépor non pasa apuros na liga de Segunda (décimo posto) e na Copa do Rei asina unha viaxe sensacional, na que acariña a final, que leva consigo a clasificación para a Recopa de Europa. O Real Valladolid e Soriano Aladrén crúzanse no camiño dos coruñeses. Os valisoletanos igualan o 1-0 da ida. Na prórroga, coa conivencia do colexiado, logran o 2-0 e o billete á final.
O Deportivo dá outro pequeno salto de calidade no exercicio posterior, a pesar do cal se atopa na duodécima posición xa ben entrada a segunda volta. Un incrible sprint final, no que gaña sete dos últimos oito encontros, lévao á cuarta praza, que lle concede a posibilidade de loitar polo ascenso nunha promoción ante o Tenerife. O Dépor saca un valioso empate sen goles no Heliodoro Rodríguez. Na volta, a mala sorte cébase cos pupilos de Arsenio. No fatídico minuto 13, unha cabezada de Eduardo estrélase no traveseiro, rebota nas costas do gardameta Fernando e introdúcese na portería branquiazul.
Un ano máis en Segunda. E un ano máis con Arsenio no banco, cun Deportivo reforzado para lograr, si ou si, o ansiado ascenso. Unha vez máis, unha última xornada a todo ou nada. Ao Real Murcia bástalle un punto en Riazor. Ao Deportivo só válelle o triunfo. Dous goles de Zoran Stojadinović poñen fin á etapa máis nefasta da historia do Club, que comezase 18 anos antes, tamén co ‘Raposo de Arteixo' como director da orquestra branquiazul.
Arsenio afástase dos focos para o regreso a Primeira. Ocúpase de asesorar ao presidente. No banco senta Marco Antonio Boronat. A mala marcha do equipo obriga, de novo, a tirar da súa sabedoría. Co Dépor en zona de promoción e oito xornadas por diante, volve tomar as rendas do equipo, que logra oito puntos cos que evita o descenso, pero non a promoción. Contra o Real Betis Balompié, o búlgaro Kiriakov salva os mobles após fallar un penalti. Na volta, os branquiazuis deféndense con uñas e dentes. Arrancan un empate sen goles que certifican a continuidade en Primeira.
Aquela permanencia marca outro punto de inflexión. O verán de 1992 establece o arranque do mellor Deportivo da historia. Arsenio ten a oportunidade de dirixir, ao fin, a un Deportivo gañador, a un Dépor ao que chegan Bebeto, Mauro Silva, Aldana ou Nando. A un Dépor ‘súper'. Aquela Temporada 1992-1993 conclúe cun terceiro posto que se converte na mellor clasificación en Primeira desde o subcampeonato de 1950. Ademais, trae consigo o primeiro pasaporte para competición europea. O Deportivo xogará a Copa da Uefa.
O curso 1993-1994 é o do debut continental. En Dinamarca, Inglaterra e Alemaña xa saben como llas gastan Arsenio e o ‘Súper Dépor'. Na liga, a gloria escápase de forma dramática, cun penalti fallado “cando xa non había tempo nin para respirar”, como di o adestrador deportivista nunha emotiva e inesquecible rolda de prensa.
O desquite de Arsenio e do ‘Súper Dépor' chega doce meses despois, na Copa do Rei. O partido decisivo –o número 568 do ‘Raposo de Arteixo' como adestrador branquiazul– ante o Valencia CF ten final feliz. O gol de Alfredo, recentemente reiniciado o encontro trala suspensión tres días antes debido ao diluvio que alagou Madrid, pon a aquel equipo e ao seu adestrador no lugar que merecen, no palmarés oficial do fútbol nacional.
Retirado definitivamente do fútbol após un curto paso polo banco do Real Madrid, Arsenio recibiu a máis alta distinción do RC Deportivo, a insignia de Ouro e Brillantes, ademais de ser nomeado Lenda Branquiazul, o 14 de maio de 2016, no descanso do último partido do campionato ligueiro do curso 2015-2016 precisamente ante o equipo branco.
TRAXECTORIA DE ARSENIO NO DEPORTIVO
1950-51 Xogador do Fabril e do CD Juvenil
1951-52 Xogador do CD Juvenil e Xogador do Deportivo (23 partidos e 8 goles - 11º en Primeira)
1952-53 Xogador do Deportivo (16 partidos e 1 gol - 14º en Primeira)
1953-54 Xogador do Deportivo (19 partidos e 3 goles - 7º en Primeira)
1954-55 Xogador do Deportivo (29 partidos e 7 goles - 7º en Primeira)
1955-56 Xogador do Deportivo (30 partidos e 7 goles - 12º en Primeira)
1956-57 Xogador do Deportivo (24 partidos e 8 goles - 15º en Primeira e DESCENSO)
...
1967-68 Adestrador do Fabril (3º en Terceira)
1968-69 Adestrador do Fabril (9º en Terceira)
1969-70 Adestrador do Fabril (11º en Terceira)
1970-71 Adestrador do Fabril (2º en Preferente) e Adestrador do primeiro equipo desde xaneiro de 1971 (3º en Segunda e ASCENSO)
1971-72 Adestrador do primeiro equipo (14º en Primeira)
1972-73 Adestrador do primeiro equipo (17º en Primeira e DESCENSO)
...
1982-83 Adestrador do primeiro equipo (4º en Segunda)
1983-84 Adestrador do primeiro equipo (9º en Segunda)
1984-85 Adestrador do primeiro equipo (13º en Segunda)
...
1987-88 Adestrador do primeiro equipo desde febreiro de 1988 (16º en Segunda)
1988-89 Adestrador do primeiro equipo (10º en Segunda)
1989-90 Adestrador do primeiro equipo (4º en Segunda)
1990-91 Adestrador do primeiro equipo (2º en Segunda e ASCENSO)
1991-92 Asesor do presidente e Adestrador do primeiro equipo desde abril de 1992 (17º en Primeira)
1992-93 Adestrador do primeiro equipo (3º en Primeira)
1993-94 Adestrador do primeiro equipo (2º en Primeira)
1994-95 Adestrador do primeiro equipo (2º en Primeira e CAMPIÓN COPA DO REI)