O Consello de Administración do RC Deportivo, representado polo Conselleiro Delegado Massimo Adalberto Benassi, lamenta non poder acudir este sábado ao acto que terá lugar no Salón Real do Palacio Municipal de María Pita, con motivo da presentación do proxecto de A Coruña como sede da Copa Mundial de Fútbol 2030.
As axendas dos nosos representantes institucionais impídennos asistir ao devandito acto debido ao pouco tempo de preaviso, xa que o noso responsable de protocolo recibiu a invitación da Alcaldesa Inés Rey este pasado venres pola tarde, máis exactamente ás 17:24 horas. Só uns minutos antes, a Vicepresidenta Michelle Clemente e o Conselleiro Delegado foran informados os seus teléfonos, a través de WhatsApp.
Sumado a isto, o RC Deportivo nunca participou nin recibiu ningunha información acerca das xestións mantidas polos diferentes estamentos ao redor deste acontecemento.
O RC Deportivo está comprometido a facer sempre o mellor para a cidade e para o deportivismo; con todo, entende que este modus operandi por parte do Concello non é institucional nin pertinente. Por tanto, insta as autoridades a avanzar cara a un diálogo baseado no respecto mutuo, dunha forma seria, profesional e pública, polo ben da cidade e do Club.
Entendemos, así mesmo, que ao momento de tomar esta decisión non se tiveron en conta nin as prioridades dos afeccionados, que se verán privados dos seus espazos no campo, nin a sustentabilidade do Club.
O RC Deportivo está comprometido a realizar os investimentos necesarios no estadio ABANCA-RIAZOR de forma progresiva para garantir que sexa un modelo dentro das instalacións deportivas de Primera e Segunda División, pero sempre de acordo ás necesidades do equipo.
A prioridade do RC Deportivo é manter o estadio ABANCA-RIAZOR cunha capacidade de 32.471 localidades, acorde ao tamaño dos nosos abonados e que asegure o orzamento necesario para confeccionar os nosos cadros e os investimentos destinados ao desenvolvemento e crecemento do Club.
Entre os obxectivos do RC Deportivo atópase ter un estadio categoría 4 de UEFA, chegado o momento de disputar competicións europeas. Pero nin o Club nin os seus accionistas están dispostos a pór en risco a sustentabilidade do Club para dar resposta a unha aventura da que nunca foron partícipes nin foron consultados para formar parte dela.
O RC Deportivo asumirá de maneira prudente as melloras necesarias que haxa que levar a cabo no Estadio ABANCA-RIAZOR en cada categoría e sempre de acordo co establecido no contrato de arrendamento asinado co Concello.