RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Dépor ABANCA e Sporting CP protagonizan un amigable de poder a poder que caeu ao lado portugués

O Dépor ABANCA concluíu a concentración en Melgaço cun amigable este venres 2 de agosto no Estadio Vila Cha ante o Sporting CP, vixente subcampión de liga en Portugal.

As lisboetas, que até a data gañaron (2-1) ao SCU Torreense no seu único partido previo do verán, chegaban máis rodadas con adestramentos desde o 10 de xullo posto que a liga arrinca o 1 de setembro; e con varias internacionais portuguesas nas súas filas como Ana Capeta, Alícia Correia, Joana Martins, Fátima Pinto e Ana Borges, esta última con 175 partidos ás súas costas co equipo nacional de Portugal.

Pero enfronte, As Nosas tamén teñen calidade e internacionais, aínda que falten pernas nesta etapa inicial da pretemporada.

Por conseguinte, o encontro en Vila Cha resultou de poder a poder aínda que finalmente caeu ao lado portugués (3-2) nos fatídicos últimos 5 minutos da primeira parte.

A primeira metade foi trepidante e moi entretida. Ao minuto de xogo, Inês Pereira salva un man a man cunha futbolista rival.

Respondeu rápido o Dépor ABANCA. Eva Dios facía o primeiro gol (0-1) aos 4 minutos ao aproveitar unha boa asistencia de Oriana Altuve.

O Sporting CP golpeou aos 11 minutos co empate despois dunha perda de balón deportivista.

O partido non daba tregua entre dous equipos coa mirada posta na portería rival.

Á media hora de xogo Oriana Altuve aproveitou unha gran xogada de Hmrírová, que sentou a dous rivais, para pór de novo en vantaxe ao Dépor ABANCA.

Pero as portuguesas son un equipo moi competitivo e lograron dar a volta ao resultado antes do descanso con dous goles no minuto 44 e no desconto da primeira parte. Ao cabo ambos tantos serían definitivos.

Con este resultado chegouse ao descanso.

A segunda parte arrincou con seis cambios no once deportivista, coa entrada de Samara, Marina Artero, F. Lara, Paula Gutiérrez, Olaya e Millene.

O choque continuou cun ritmo alto pero agora con escasas opcións de gol. As adestradoras de ambos os equipos axustaron as súas defensas e pecharon espazos.

A pesar do carrusel de cambios lóxico en calquera amigable de pretemparada, máxime ademais sendo o segundo do verán, As Nosas mantiveron o seu nivel competitivo aínda que faltou acerto final para lograr polo menos a igualada.

Deportivo ABANCA, primeira parte: Inês Pereira, Cris, Raquel, Vera, Elena, Henar, Lucía Martínez, Eva Dios, Ainhoa Marín, Hmrírová e Altuve.
Deportivo ABANCA, segunda parte: Inês Pereira, Samara, Marina Artero (Paula Monteagudo, min. 75), Elena (Paula Novo, min. 75), F. Lara, Henar (Lucía Rivas, min. 68), Paula Gutiérrez, Olaya, Ainhoa Marín (Carlota, min. 68), Hmrírová (Carmen Carballada, min. 75) e Millene.

Goles: Eva Dios (min. 4) e Oriana Altuve (min. 29)

Finalizado o encontro, o Dépor ABANCA pon rumbo á Coruña por estrada para unha fin de semana de descanso.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK