O Dépor non puido pasar do empate en ABANCA-RIAZOR fronte ao CA Osasuna B nun partido no que xerou moitas máis ocasións que o seu rival, que se adiantou no marcador no seu único disparo entre paus nos 90 minutos.
O técnico deportivista, Imanol Idiakez, realizou dous cambios con respecto ao once inicial que presentou a pasada xornada en Tarazona. Jose Ángel regresou, após cumprir sanción por acumulación de amoestacións, en lugar de Jaime, e Hugo Rama volveu ao equipo titular en detrimento de Pablo Valcarce. Por outra banda, Diego Villares cumpriu o seu partido oficial número 100 coa camiseta do primeiro equipo branquiazul.
O partido comezou con moi poucos achegamentos claros ás áreas. O primeiro produciuse no minuto 4, nun disparo afastado e desviado de Jon García. Sen que o Dépor puxese en apertos ao porteiro visitante, no minuto 22 adiantouse o filial pamplonica. Un zurdazo raso de Agirre desde fóra da área rexeitouno en curto Germán. Ander Yoldi chegou desde atrás para empuxar o coiro ao fondo das mallas.
O gol encaixado espertou ao Dépor, que comezou a empuxar con insistencia. No minuto 28, un colocado libre directo de Lucas rexeitouno Stamatakis cando se coaba preto do pau dereito do seu marco. No 32, un duro dereitazo de Hugo Rama desde a media lúa atrapouno o porteiro osasunista. Dous minutos despois, Diego Villares reclamou penalti nunha acción na que entrou con velocidade na área e Ibaider Garriz foi ao chan a varrer a pelota, contactando co xogador deportivista.
A insistencia foi tan grande que, por fin, o gol do empate chegou no minuto 36. Paris Adot colgou un balón desde a dereita e Villares elevouse sobre os defensores navarros para cabecear ao fondo das mallas despois de que o esférico golpease no interior do poste dereito.
Davo puido adiantar aos branquiazuis no minuto 39, cando meteu a punteira no primeiro pau a un servizo de Lucas. Stamatakis reaccionou rápido para blocar o esférico. Pablo Vázquez cabeceou picado unha falta lateral no minuto 41. O porteiro grego capturou a pelota pese ao complicado bote previo. Xa a piques de chegar ao descanso produciuse outra cabezada picada de Villares, lixeiramente desviada, despois dun novo centro de Paris Adot que desviou un defensa e baixou con neve.
A segunda metade seguiu coa mesma tónica. Un Dépor dominador, que non irresistible, e envorcado en pos da vitoria. No minuto 46, Pablo Vázquez cabeceou limpamente un córner de Lucas pero o porteiro visitante apareceu de novo para rexeitar o balón. Salva Sevilla tentouno cun golpeo desde a frontal da área, pero a pelota foise por pouco por riba do traveseiro.
No minuto 71 abriuse a ofensiva final cunha gran xogada pola dereita entre Davo e Villares. O villalbés puxo un balón raso á media lúa para o zurdazo de Jose Ángel que, após superar a estirada do porteiro, rexeitou un defensa sobre a liña de gol. Tres minutos despois, un potente dereitazo de Pablo Valcarce foise riba do traveseiro. No minuto 78, Yeremay inventou un contragolpe após unha bicicleta e un cano en mediocampo. O canario lanzou pola esquerda a Lucas que quixo ceder de novo ao centro para o propio Yeremay, que só puido meter a punteira. O balón enredouse nas pernas dun defensa e os osasunistas afastaron o perigo. Xa preto do final, Lucas centrou ao segundo pau para Paris Adot, que cabeceou de socato ante Stamatakis, que unha vez máis rexeitou a pelota para evitar o gol.
Pese ao empuxe en tempo engadido, o gol non chegou e o Dépor sumou o seu sétimo empate en 14 xornadas, o segundo consecutivo, para alcanzar os 19 puntos.
RC Deportivo: Germán, Paris Adot, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Salva Sevilla (Pablo Valcarce, min. 68), Jose Ángel, Diego Villares, Hugo Rama (Yeremay, min. 68), Davo (Martín Ochoa, min. 81) e Lucas.
CA Osasuna B: Stamatakis, Guillem Molina, Jorge Moreno, Ibaider Garriz, Adama, Jon García (Mauro, min. 69), David Rabadán (Cristian Mutilva, min. 81), Eneko, Svensson, Agirre (Buján, min. 76) e Ander Yoldi (Rubén Azcona, min. 81).
Goles: 0-1 Ander Yoldi (min. 22); 1-1 Diego Villares (min. 36).
Árbitro: Carlos Fernández Buergo (c. asturiano). Cartón amarelo a Balenziaga (min. 31), Salva Sevilla (min. 40), Adama (min. 53) e Mauro (min. 83).
Incidencias: partido correspondente á 14ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 16.637 espectadores.