RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Equilibrio entre Dépor e Gil Vicente no segundo amigable consecutivo de Os Nosos en Portugal

A DéporXira Auga de Parada 2024 tivo como protagonista esta tarde ao Gil Vicente, un club portugués da Primera División, tamén máis rodado porque a liga arrinca unha semana antes que os deportivistas, concretamente o 10 de agosto ante o FC Porto.

Imanol Idiakez introduciu once cambios respecto ao equipo que onte igualou ante o FC Famalicão. Apenas pasaran 24 horas e tocaban rotacións.

O encontro foi equilibrado con escasas ocasións de perigo nas dúas porterías e acabou en igualada (0-0). A calor, sufocante en Barcelos, provocou tamén un ritmo de xogo máis lento e moitas imprecisións nos últimos metros.

A ocasión máis clara dos portugueses na primeira metade chegou á media hora de xogo un disparo de Sandro Cruz diante de Eric Puerto que se foi demasiado alto.

Máis clara foi a de Davo no minuto 40, que desde fóra da área dispara con moita intención. A meta Andrew sacou con moitos apuros.

Acabou ben o Dépor a primeira metade, forzando un par de faltas ao bordo da área e achegándose con perigo á meta do Gil Vicente FC.

Após o paso polos vestiarios, Jose Ángel relevou a Petxarromán na sala de máquinas deportivista.

Saíu mellor o Gil Vicente FC, que tivo o seu primeiro disparo aos dous minutos da continuación, desviado. Aos poucos no entanto o conxunto luso foise apagando.

Respondeu o Dépor cunha boa transición protagonizada por Jose Ángel e Mario Soriano, que filtra entre liñas un pase a Kevin Sánchez só ante a meta rival. O canteirán disparou fóra após regatear ao porteiro pero a acción foi invalidada por fóra de xogo.

De novo Kevin, dous minutos máis tarde, recibiu na área e o seu centro acaba nas mans de Andrew.

Á hora de partido comezou o carrusel de cambios no Dépor coa entrada á vez de Martín Ocha, Berto Cayarga e Luis Chacón.

Martín Ochoa, nada máis saltar ao céspede, xutou na área moi escorado para que Andrew despexase cos puños.

Coa entrada de Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Escudero, Rubén López e Hugo Rama o Dépor acabou o choque con só Eric Puerto, Villares e Dani Barcia como únicos futbolistas que arrincaron o partido.

Os últimos minutos foron para o Dépor, que se fixo dono da pelota, aínda que sen crear ocasións claras.

Gil Vicente FC: Andrew, Mutombo, Gabriel Pereira, Jonathan Buatu, Sandro Cruz, Mory Gbane, Maxime Domínguez, Fujimoto, Santi García, Félix Correia e Depú. Tamén xogaron: Ze Carlos, Yaya, Ruben Fernandes, Jorge Aguirre, Felipe Silva, Facundo Cáceres, Kazu, Joao Pinto e Guilherme.

Deportivo: Eric Puerto, Pablo García (Ximo Navarro, min. 71), Jaime (Pablo Vázquez, min. 71), Dani Barcia, Iano (Escudero, min. 71), Petxarromán (Jose Ángel, min. 46 e Rubén López, min. 71), Villares, Mario Soriano (Berto Cayarga, min. 62), Davo (Hugo Rama, min. 82), Kevin Sánchez (Luis Chacón, min. 62) e Barbero (Martín Ochoa, min. 62).

Árbitro: Rui Lima, de Portugal

Incidencias: Partido disputado no Estadio Cidade de Barcelos que serviu de presentación oficial para o Gil Vicente FC ante os seus afeccionados