Sergio Escudero Palomo (Santovenia de Pisuerga, Valladolid, 2 de setembro de 1989), coñecido como Escudero, foi presentado esta mañá como novo xogador do Dépor para as próximas 2 temporadas.
Abriu o acto na sala de prensa Fernando Soriano, Director Deportivo do Club, quen subliñou as súas "grandes calidades técnicas. Saído da canteira do Real Murcia, xogou no Schalke, Sevilla, Granada, Valladolid... equipos importantes. É campión de Europa League, xogador de Champions League tamén. Un reforzo importante que á parte de darnos experiencia dános un plus de calidade e saber estar".
Pola súa banda, Escudero afirma que os seus primeiros días na Cidade Deportiva "foron moi bos. A acollida do Club, dos compañeiros, de toda a xente, mesmo da Coruña cando baixamos a visitala foi moi boa".
Asegura que escolleu ao Dépor porque "desde o principio puxeron toda a súa confianza en min e creo que é un proxecto moi bonito, están a facerse as cousas moi ben e por iso decidinme a vir".
De feito, lembra que "o Dépor é un equipo histórico. Vivín moi bos anos do Deportivo e máis aló de #ANOSAFORZA, de todo o que me falaron, que é fantástica, que aperta como ningunha. Ver ABANCA-RIAZOR cheo ponche a carne de galiña en canto ves vídeos".
Márcase como principal obxectivo "tentar axudar ao equipo, xogar os máximos partidos posibles. Son un xogador de equipo, de club e veño tentar axudar a todos os meus compañeiros".
A nivel de equipo e como recentemente ascendido a LaLiga Hypermotion pide "ir partido a partido e ver onde nos pon a competición. Sabemos como é a Segunda División, cada ano máis competitiva, máis complicada. Esperemos facer un bo ano pero sobre todo ir con paciencia e ver que pasa cada partido".
Peza crave no ascenso do Real Valladolid a LaLiga EA Sports, desexa "todo o que pasou esta temporada anterior espero reflectilo tamén nesta co Dépor e sobre todo tentar achegar o máximo ao equipo".
Escudero considera a súa polivalencia, posto que pode xogar practicamente en calquera posición da defensa, unha baza ao seu favor: "Cantas máis posicións tes para xogar máis podes axudar ao equipo nun momento no que o míster o necesite".
Relevo no lateral zurdo do Dépor doutro histórico do fútbol español, Mikel Balenziaga, recalca que "me enfrontei 1.000 veces contra el. É un xogador espectacular e como persoa, polo que escoitei por aquí estes días, excelente. Un tipo de vestiario como eu, de equipo. Espero nese aspecto apoiar e no campo pór as miñas calidades".