RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez advirte que "estamos nese proceso de ir coñecéndonos"

Imanol Idiakez admitiu este mediodía na sala de prensa de Abegondo que non está "contento coa primeira media hora do outro día en Granada. Non me gustou o que fixo o equipo, pero si que estou contento cos seguintes 50 minutos. Ata que aparece o gol deles anulado o equipo estaba bastante máis preto de gañar que de perder. E falamos dun rival de máximo nivel".

Pensa que "estamos nese proceso de ir coñecéndonos. Teño que ir vendo á xente competir, porque adestrar é unha cousa e competir é outra; e ver as posibilidades que nos dan. Creo que temos un bo cadro que nos vai a permitir ir resolvendo todas as situacións que a temporada nos expoña, pero non pode ser de golpe. As cousas pasan cando pasan e hai que ter un pouquiño de paciencia".

Cre que o partido deste venres 13 de setembro ás 20:30 (LaLiga TV Hypermotion e #Vamos) no Nuevo Arcángel ante o Córdoba CF vai estar "seguramente marcado polo ambiente. Eles apertan moito, a súa xente aperta moito. Veñen de facer un moi bo partido co Málaga, non vouche a dicir que someteron, pero practicamente. Xoga moi cara a adiante, moi ofensivo, con xente que busca ir cara a adiante. É un equipo que aperta alto, moi parecido a nós. Espérome un partido de ti a ti, con dous equipos que imos tentar buscar ao rival. Eles co empuxe da súa xente, que a verdade é que empuxa moito. Prevexo un partido de dificultade pero sobre todo de 2 equipos que se van a ir buscar seguramente".

Preguntado polas novas incorporacións, como Charlie Patiño, o adestrador deportivista pide paciencia: "Este ano cando acabou o mercado, xa coa liga empezada, completamos o cadro con outras posibilidades. O que non pode un adestrador é meter a todo o mundo de golpe. Eu sei que queremos ver á xente nova, sei que hoxe en día ademais na sociedade na que vivimos todo corre présa e cantas máis caras novas vexamos, mellor. Estamos no mundo da dopamina e o que vemos onte cansámonos xa hoxe. Pero temos que darlle equilibrio ao equipo e non podemos volvernos tolos. Hai que esperar a que a xente se adapte, hai que esperar a que pasen cousas e sobre todo o equipo ten que ter un comportamento regular. Ti non podes meter 6 xogadores novos cada día porque ao final ao equipo o que lle fas é unha faena".