O próximo mes de outubro arrincará un novo curso, o sétimo, da Escola RC Deportivo, cuxo proceso de inscrición abriuse hoxe luns 16 de setembro para novas altas, en http://escola.rcdeportivo.es.
Até o momento estiveron abertas as preinscricións e reserva de prazas para antigos alumnos/as.
Despois do éxito da temporada pasada o próximo mes de outubro comezará un novo curso na Escola RC Deportivo nestas sedes: Alvedro, Outes, Colexio Jesuitinas e Colexio Internacional Eirís; ás que hai que engadir a de Sada e Zas.
Esta escola profesional de fútbol está destinada a todos os nenos e nenas que desexen complementar a súa formación de maneira máis específica con adestradores da canteira do RC Deportivo, independentemente do seu nivel de práctica.
As inscricións están abertas desde hoxe na plataforma http://escola.rcdeportivo.es para todos os nenos e nenas entre 6 e 14 anos que desexen participar nesta actividade formativa da Fundación RC Deportivo.
As Escolas RC Deportivo Colexio Jesuitinas e Colexio Internacional Eirís están destinadas a todos os alumnos/as de cada centro que desexen participar e para iso poderán realizar unha preinscrición no propio colexio. Calquera centro que desexe participar ou queira crear unha Escola RC Deportivo dentro do seu programa de actividades pode contactar coa Dirección en escola@rcdeportivo.es.
Os participantes na pasada edición da Escola RC Deportivo que dispoñan do equipamento oficial Kappa e que poidan acudir con ela non é necesario que abonen de novo a matrícula e ademais disporán de tarifa con desconto.
Haberá novas actividades, xornadas en Abegondo e sorteos de agasallos. Para unha adecuada atención a todos os participantes as prazas son limitadas.
A sede de Alvedro amplía de 7 a 9 quendas: luns ás 16:30, 17:30 e 18:30; mércores ás 16:30, 17:30 e 18:30; e venres ás 17:30, 18:30 e 19:30. En caso de ter interese en participar nesta sede é recomendable non demorar a inscrición.
En Sada haberá catro quendas: mércores ás 16:15 e 17:15; e venres ás 16:15 e 17:15.
E en Zas están previstos 5 quendas: Luns ás 16:30, 17:30 e 18:30; e mércores ás 17:00 e ás 18:00 horas.
Ademais destas sedes, na súa localización da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias na Torre continúa a súa actividade a Escola RC Deportivo Diversidade Funcional, destinada a todas as persoas con diversidade funcional entre 16 e 40 anos que desexen iniciarse no fútbol ou complementar os seus adestramentos de maneira máis específica con adestradores do equipo Genuine do RC Deportivo. Haberá dúas quendas os mércores: ás 16:00 e ás 17:00.
Este ano, a Escola RC Deportivo Diversidade Funcional pon en marcha unha nova quenda os martes de 16:00 a 18:00 horas para alumnos e alumnas de 8 a 14 anos.
Toda a información acerca de tarifas, horarios, que inclúe a actividade, etc... pode consultarse en http://escola.rcdeportivo.es.
Para calquera dúbida ou consulta acerca da actividade así como calquera problema co proceso de inscrición poden contactar coa organización no correo electrónico escola@rcdeportivo.es.