Imanol Idiakez subliñou na sala de prensa de Abegondo que "temos o camiño claro, que non hai outro que ir semana a semana. Foi o do ano pasado, é o deste ano e será o de sempre porque no fútbol profesional o único camiño é que cada semana hai un partido e cada resultado márcache as circunstancias".
Indica que "non empezamos co nivel de puntos que queremos e mañá temos unha oportunidade buenísima para ir alí, ante un equipo que vén de facer unha vitoria moi boa, un equipo difícil, e conseguir a vitoria".
O adestrador branquiazul manifestou que o traballo do equipo é "fantástico, a xente está a adestrar de marabilla, o día a día é buenísimo. Todo o mundo está a facer o seu traballo e esperando que o adestrador lles diga que teñen minutos no campo. Temos unha sorte nese aspecto".
Subliña que en Segunda División "cando analizamos os cadros dos demais dámonos conta que todo o mundo ten cousas. Nós tamén as temos. A temporada é moi longa. Hai momentos para todos e o que ten que facer o futbolista é prepararse para cando lle toque".
O técnico deportivista afirma que o rival deste venres 27 de setembro no Estadio Carlos Belmonte (20:30, LaLiga TV Hypermotion e #Vamos), o Albacete Balompié, "é un moi bo equipo. Vén de facer unha moi boa vitoria en Ferrol o outro día. Ten moita pegada, con xente arriba moi determinante. Traballa moi ben colectivamente e vainos a esixir facer un bo traballo se queremos gañar alí".
Sen Bouldini, lesionado, lembra que "temos xogadores e diferentes opcións. Cristian, Juan, Davo... están a participar menos e pódennos dar diferentes cousas. Temos recursos".
Matiza o adestrador branquiazul que "os partidos duran moito en Segunda División, pasan moitas cousas e hai que prever o plan do inicio e plans durante o partido. Nos últimos 20, 25 minutos resólvense moitos dos partidos e temos que estar preparados".
Finalmente Imanol Idiakez admite que "nas áreas non estamos a ser todo o eficaces que nos gustaría. Os datos din que de área a área somos un equipo que está a facer ben as cousas, dos mellores da categoría; pero nas áreas non estamos... O outro día un partido como o do Oviedo que pode ser de empate ou mesmo de vitoria túa axustada e acabas perdendo por unha circunstancia que non é recomendable. Temos que mellorar os detalles".
Nese sentido, recalca que todos entenderon que "a diferenza da categoría coa anterior vai por aí. Os erros penalízanche e hai que ser eficaces. E estamos a traballar niso, na eficacia. Imos ver se temos capacidade e estamos convencidos que vai chegar".