RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: Temos que ser o suficientemente humildes como para entender de onde vimos e cales son os nosos rivais

Imanol Idiakez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que os futbolistas que están "chegan ben" ao partido de mañá sábado 17 de agosto ante o Real Oviedo en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV Hypermotion e Movistar+). Lembra que "temos unha base moi importante. Unha porcentaxe altísima dos que empezan mañá o partido estaban xa a temporada pasada. Así que ese aspecto tivemos esa vantaxe, non tivemos que facer grandes adaptacións máis que algúns pouquiños casos. O equipo chega con moita ilusión e preparado para o partido".

En canto ao mercado, non oculta que "a todos os adestradores gustaríanos que acabase no momento que empeza a liga. Por desgraza non é así e iso condiciona moitísimas cousas con respecto aos cadros. Temos que facer cousas. Estamos moi contentos co que chegou pero aínda temos que facer algunha cousa se queremos realmente reforzarnos ben".

Márcase o preparador deportivista como obxectivo "aquí dentro (en referencia ao vestiario) gañarlle ao Oviedo. E así cada semana. Non creo que poidamos ter outro. Desde que cheguei aquí sabedes cal é o obxectivo final do Dépor, onde debe estar, pero temos que ser o suficientemente humildes como para entender de onde vimos e cales son os nosos rivais. É unha das segundas divisións máis duras da historia. Hai moitísimos candidatos ou moitísimos aspirantes a ir a Primera División; e aínda que por suposto que no futuro do Dépor non sei se máis próximo ese ten que ser o obxectivo temos que ser un pouquiño humildes para recoñecer que vimos de Primera RFEF e que agora mesmo nosos rivais tamén contan".

Insiste en que "temos unha base moi importante de Primera RFEF. Estamos moi contentos co equipo que temos e convencidos de que dentro de 3 semanas imos ter aínda mellor cadro, pero logo hai que demostralo no campo. Temos grandísimos rivais, algúns que baixan de Primera División, outros que xa levan en Segunda División 7, 8 anos que tamén teñen aspiracións lexítimas para poder aspirar a Primera. O ano pasado todos asumiamos que era unha obrigación saír da Primera RFEF para o Dépor. Este ano temos que ser humildes para entender que temos que ir paso a paso e temos que pensar primeiro en sumar 3 puntos mañá e así cada semana e a ver onde podemos chegar".

Os últimos 21 partidos de competición da pasada temporada sen coñecer a derrota, segundo Imanol Idiakez, "xeraron confianza. Os xogadores sentiron a súa capacidade e iso sempre é moi bo. Agora temos outro contexto porque temos outros rivais que son mellores. Empezamos contra un equipo que o ano pasado quedou a nada de ascender a Primera División, que se volveu a reforzar, que se vedes o cadro ten dous xogadores por posto dun nivel importante. Iso cambiou, pero a confianza en nós está e os mozos senten a súa capacidade. Sempre que empeza unha competición o primeiro día hai un pouquiño de incerteza. O deportista sempre cando se volve a enfrontar ou cando empeza unha competición nova, como o caso dalgúns que non xogaron nunca en Segunda no noso vestiario, sempre tes ese gusanillo de saber se serei capaz, pero estamos convencidos de que imos selo e de que temos nivel para competir como calquera".

Da última fichaxe, o porteiro brasileiro Helton Leite, afirma que "confirmou nos poucos días que leva a impresión que tiñamos, un porteiro de moito nivel. Chega adestrando pola súa conta, pero sen estar ao 100%. Para iso vai necesitar unhas semanas, pero as sensacións son moi boas".

Finalmente, preguntado por Dani Barcia confesa que "lle teño moitísima fe. Estou convencidísimo que vai ser un central importante do Dépor durante moitos anos"; e de Iano, que se retirou antes na sesión de adestramento desta mañá, aclara "era unha pequena molestia. Preferimos ser precavidos en véspera de partido, que non corra ningún risco. O lóxico é que estea para mañá".