RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Irene Ferreras advirte que agora descoido non podemos ter. Relaxación ningunha

Irene Ferreras advertiu na sala de prensa de Abegondo que, após dobregar ao RCD Espanyol a pasada fin de semana e ante a visita ao SE AEM deste domingo 4 de febreiro ás 12:00 no Municipal de Recasens, "descoido non podemos ter. Relaxación ningunha. Gozamos do presente, sempre do día a día. Era importante gozar da vitoria do outro día por como se deu e polo que significaba. Pero aquí vivimos sempre en presente, nos bos momentos e nos malos momentos. Aínda queda moitísimo, moito por dicir, poden pasar moitas cousas, temos que estar moi centradas en todo o que ten que ver co día a día, co traballo diario e con chegar o mellor preparadas ao seguinte partido".

Nesta liña, asegura que "o equipo está concienciado. Estamos preparadas para facer un encontro competido e imos tentar sacar eses 3 puntos fóra de casa".

Vaticina en Lleida "un partido moi pechado, marcado un pouco por esa filosofía moi compacta e moi defensiva do rival, que deixa pouco lugar ás ocasións. Creo que vai ser un partido pechado onde a concentración nos momentos puntuais do partido ou ben para determinalo ao noso favor ou para liquidar situacións complicadas terminarán decantando o resultado. O equipo está preparado para o tipo de partido que nos espera. O contexto das dimensións do campo e da superficie marcan un pouco o tipo de partido que se vai a dar e como sempre dicimos, adaptarnos a iso, tentar facer todo aquilo que nos permita gañar, que é o que imos buscar custe o que custe".

A preparadora deportivista asume o choque como "un reto bonito, porque é un dos campos máis complicados da categoría, pero o equipo ten que ir con argumentos para tentar gañar alí".

Pide "acertar no que toca facer en cada zona do campo, ser moi contundente en áreas que neste tipo de escenarios ten se cabe máis relevancia. Está claro que teremos que aproveitar as poucas ocasións que teñamos, porque non creo que vaia a haber moitas e daquela todo o que podamos sacar tamén a situacións de balón parado, estar moi vivas nas áreas para esa segunda xogada. Isto é moi importante, así que imos ver como se vai dando o partido. Moitas veces do que levamos preparado até o que vai sucedendo logo temos que ir modificando; pero o equipo ten os recursos, as ideas están claras e xa temos a experiencia ademais do ano pasado, do que nos atopamos aí".

Irene Ferreras considérase afortunada esta temporada porque "estamos nun bo momento case todas as semanas. Non é habitual no fútbol que se estea dando todo tan ben. Temos que ter a temperanza suficiente para entender os momentos, para saber que o que estamos a conseguir agora estanos custando moito e que podamos ter o nivel de esixencia alto cada semana para poder sacar os mellores resultados posibles. É unha liga moi complicada. Gañar ao segundo dáche moita moral, pero sabemos que os 3 puntos do segundo valen igual que os do último e cada partido imos ter que pelexalo a tope porque é moi complicado. Entón a gozar do que imos conseguindo, a ter a cabeza fría para preparar ben o seguinte e aos poucos iremos vendo onde estamos ao final".

Finalmente móstrase "moi contenta" co mercado de inverno porque "as incorporacións nos dan cousas diferentes que van complementar moi ben o que xa temos. Falabamos a semana pasada de Michi (Apóstol), agora temos a Lucía Martínez, que xa foi unha futbolista pola que eu mostrei moito interese no verán. Tivemos a fortuna e tamén o traballo de moitas semanas de Kevin Cabado (responsable do Dépor ABANCA) detrás de conseguir pechar o acordo. Vai ser unha futbolista que vai a empastar moi ben co que buscamos aquí, co modelo de xogo que xa coñecía de antes da súa etapa no Rayo e tamén a seguín moi de preto en toda a súa experiencia nestes anos. Tiñamos a baixa de Ayaka que nos deixaba aí un pouquiño desprotexidas no mediocampo e o equipo volve estar sólido nese aspecto".