RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

Irene Ferreras: Noto ao meu equipo moito máis maduro

Irene Ferreras manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "noto ao meu equipo moito máis maduro, moito máis pendente do noso e non tanto dos rivais".

Con 7 partidos gañados e só 1 perdido na que vai de liga, cre que "é curioso con estes resultados estamos aí varios equipos pegados. Vai haber momentos para todo. Non sei o que vai pasar no futuro pero si sei que temos que aproveitar o bo momento para seguir sumando de 3 en 3 se pode ser e chegar aos puntos que nos permitan o ascenso".

Do rival deste sábado en Abegondo (12:00, Youtube RC Deportivo), o FC Barcelona B, advirte que "é un dos máis complicados da categoría. É o mellor momento para demostrar o equipo que somos. Imos ir coa ambición de querer gañar os 3 puntos sabendo que vai haber momentos para todo; e querendo crecer cada día. Temos que mirar sempre á mellora e non conformarnos co que xa fixemos, que até o momento foi bo; pero o equipo necesita seguir traballando, seguir querendo máis e desa forma seguir afrontando os momentos que vaian vindo".

Asegura que "estamos a preparar o partido desde a seriedade a nivel defensivo, desde a personalidade a nivel ofensivo. Temos que preocuparnos de nós e iso non quere dicir descoidar a faceta defensiva porque o Barça practica un fútbol moi combinativo, con moito talento individual, que xera moito desequilibrio tentando atopar esa xogadora libre mediante a combinación ou o propio duelo".

A adestradora deportivista recalca que o Dépor ABANCA "vén traballando para partidos así durante moitas semanas. Isto non é froito de só preparar este partido estes días que tivemos senón que xa vimos coa mente posta en que podía ser un dos rivais a bater e en que nos ía a esixir".

Pide ao seu xogadoras "convencemento para poder facerlles dano. O vestiario sente así e aínda encima a nivel anímico estamos nun bo momento para aproveitar esas boas sensacións no campo e a nivel mental dar ese pasiño adiante".