O ex xogador e ex adestrador branquiazul, coruñés e galego universal e, por riba de todo, Deportivista Luis Suárez Miramontes (A Coruña, 2 de maio de 1935) faleceu hoxe en Milán aos 88 anos de idade.
Luis Suárez é unha auténtica lenda do fútbol español e mundial e, a pesar de que o seu paso polo RC Deportivo foi curto, foi un ídolo e unha referencia para varias xeracións de coruñeses e Deportivistas. A pesar de fincarse lonxe da súa terra, nunca renunciou ás súas raíces e nunca perdeu ese acento galego tan característico.
O 'Arquitecto', como era alcumado, é o único xogador español que foi premiado co Balón de Ouro (1960) e ao longo da súa carreira alcanzou practicamente todas as maiores vitorias que pode lograr un futbolista. Foi campión de Europa coa selección española (1964), da Copa de Europa de clubs e da Copa Intercontinental co Inter de Milán (1964 e 1965), da liga española co FC Barcelona (1959 e 1960) e da italiana co conxunto 'nerazzurro' (1963, 1965 e 1966).
Ademais, Luis Suárez, que foi 32 veces internacional, xogou dous Mundiais (1962 e 1966). E, aínda por riba, ao Balón de Ouro de 1960 sumou o de Prata en 1961 e 1964 e o de Bronce en 1965.
'Luisito', como era coñecido nos seus inicios, comezou a xogar ao fútbol na Perseveranza de Santo Tomás, no seu Monte Alto natal, e pronto se incorporou á disciplina deportivista para xogar no primeiro equipo xuvenil da historia do Club, cando o técnico arxentino Alejandro Scopelli implantou o sistema de categorías inferiores, e despois pasou ao Fabril.
Durante a temporada 1953-54 deu o salto ao primeiro equipo. Debutou co Deportivo o 6 de decembro de 1953, no campo de Les Corts fronte ao FC Barcelona, que goleou aos branquiazuis (6-1) e ademais tomou boa nota da calidade do novo e xenial futbolista coruñés. O Dépor, como pode verse na foto superior, formou aquel día con Otero; Tomás, Rodolfo, García; Zubieta, Mangriñán; Arsenio, Oswaldo, Pahíño, Luis Suárez e Marroig.
Luis Suárez soamente xogou ese e 16 partidos máis (todos en Liga de Primeira División, nos que sumou 3 tantos) coa camiseta branquiazul. A directiva traspasouno ao club azulgrana xunto a Dagoberto Moll antes do final daquel curso 1953-54, entre o final do campionato ligueiro e comezo do torneo de Copa. Na súa despedida, ambos recibiron a Insignia de Ouro e Brillantes do RC Deportivo (foto superior).
A pesar da súa sideral traxectoria deportiva, o futbolista coruñés nunca deixou de lado ao seu 'Deportiviño' e até os seus últimos días fixo gala do seu Deportivismo. Durante os seus anos como futbolista profesional, volveu vestir a camiseta branquiazul en diversos encontros amigables. Por exemplo, na semifinal do Teresa Herrera de 1969, que os branquiazuis gañaron ao Charleroi belga cun gol seu (o once daquel día, na foto inferior). Anos antes, en marzo de 1966, mediou decisivamente para que o seu gran Inter de Milán, vixente campión de Europa, visitase ao Deportivo nun encontro amigable que serviu para que o equipo do seu corazón puidese limpar as telarañas da súa maltreita caixa forte (foto superior, nos prolegómenos de aquel encontro entre os branquiazuis Manolete e Loureda).
Todos os veráns regresaba a pasar as vacacións na súa cidade, onde se lle podía ver adestrando no Estadio ou xogando algunha pachanga na praia. E en novembro de 1978, após sentarse en dous bancos importantes do fútbol italiano como o do seu amado Inter e o do entón potente Cagliari, collendo as rendas dun Deportivo que após 10 xornadas ocupaba postos de descenso a Segunda División B.
Luis Suárez dirixiu ao Deportivo en 28 partidos, coa bagaxe de 11 vitorias, 7 empates e 10 derrotas que valeron a permanencia pero non, sorprendentemente, a continuidade no cargo. Na foto inferior pódeselle ver dirixindo un adestramento en Riazor entre xogadores como Piris, Piña, Pousada, Gallego, Albino ou Richard.
O funeral de Luis Suárez terá lugar o vindeiro martes 11 de xullo ás 14.45 horas na parroquia de San Giuseppe Calasanzio, en Milán. O RC Deportivo quere mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos, ex compañeiros e a todo o deportivismo. DEP.