RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Mfulu asegura que "seguimos crecendo" e Pablo Vázquez cre que o Dépor "saíu reforzado"

Mfulu e Pablo Vázquez pasáronse pola zona mixta do Estadio Martínez Valero.

O mediocentro comenta que o empate "é un bo punto. Pelexamos o punto até o final. Queriamos máis. Tivemos opcións para gañar o partido pero o equipo sae con boas sensacións de pelexa, de xogar xuntos, defender xuntos... Seguimos crecendo".

Asegura que "o equipo cre o que estamos a facer. O importante é crear situacións de perigo ao rival. Estamos a facelo. Oxalá pronto se materialice como puidemos facer contra o Albacete".

Mfulu recalca que "temos confianza nos xogadores de diante e nos que chegan de segunda liña. O importante é que cheguen as ocasións".

Finalmente define o partido como "duro física e mentalmente. Eles teñen moita posesión, desprázanse ben nas costas do mediocentro. É un bo equipo pero soubemos dar a cara e puidemos levarnos os 3 puntos".

Pola súa banda, Pablo Vázquez considera tamén o resultado "un bo punto. É un campo moi difícil, o rival faiche correr e ás veces meterche detrás. Non lembro ningunha ocasión clara do Elche CF. As ocasións claras tívoas o Deportivo sobre todo na segunda parte. Na primeira custounos un pouco axustar. No descanso axustamos unhas cousas e a segunda parte viuse un Deportivo ambicioso, valente, con ocasións e sabendo sufrir nos momentos que toca, claro".

O central deportivista lembra que "xogamos contra o único equipo que tiña máis posesión que nós ou sexa que nada que reprochar ao equipo".

Cre que o Dépor "saíu reforzado porque fixo un gran traballo defensivo, quizais nunha faceta na que tiñamos que dar outra volta. Levamos dúas porterías a cero consecutivas e iso refórzanos moito; e máis nun campo ante un contexto tan complicado. Custounos finalizar outra vez pero o problema sería se non as tivésemos e hoxe tivemos 3 ou 4 bastante claras que estou seguro que pronto nos darán puntos".