RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA imponse por 4-2 ao Athletic Club B após unha gran remontada

O Dépor ABANCA mantense na loita polo liderado de Primera Federación Iberdrola despois de imporse a un correúdo Athletic Club B. As visitantes comezaron o partido dunha maneira excepcional, adelantandose cun 0-2 nos primeiros 15 minutos de encontro. As branquiazuis, lideradas por Ainhoa Marín e unha acertadísima Ana de Teresa, conseguiron darlle a volta ao marcador e imporse por 4-2 en Abegondo. 

As Nosas non conseguiron entrar da mellor maneira no partido, un excelso Athletic Club B parecía ter unha marcha máis. Este gran inicio visitante obtivo a súa recompensa en forma de gol no minuto 4, Agote recibiu un pase de Marina Artero no pico dereito da área deportivista, a moza dianteira conseguiu zafarse da marca de Clara, e cun gran centro-chute superou por arriba a Lucía, que nada puido facer nese balón que se coou polo recanto esquerdo da portería. O Dépor ABANCA tentou responder centrando os seus ataques polo costado dereito, Ainhoa Marín filtroulle un gran balón a Cris Martínez, a capitá centrou á área conectando coa cabeza de Paula, que rematou por encima da rede. As bilbaínas buscaron ampliar a súa vantaxe inicial, após un saque de porta lanzado por Eunate, o balón superou o mediocampo local e o pelotazo converteuse nun pase ao oco para que Iribarren puidese encarar ao seu par no extremo dereito do campo deportivista, o xogadora do filial branquivermello controlou a pelota moi pegada á liña de banda en posición de centro, buscou driblar a Clara para finalmente centrar un balón que acabou converténdose nun tiro imparable para Lucía, que se estirou para tentar parar ese centro-chute que acabou coándose, outra vez, polo recanto dereito, conseguindo o 0-2 no minuto 12 de partido. As Nosas, afeitas ás remontadas na presente temporada sacaron orgullo e comezaron a dominar o encontro após os dous tantos do Athletic Club B. No minuto 17 Inés Altamira consegue atopar a Ainhoa Marín cun pase interior, a habilidosa xogadora branquiazul, cunha gran internada, consegue chegar até a liña de fondo dentro da área pequena, e buscar un pase da morte, que a defensa branquivermella Amaia tentou cortar, pero acabou meténdose a pelota dentro da súa propia portería. Con este tanto o Dépor ABANCA recortaba distancias e confirmaba o seu dominio no partido. 

Após uns primeiros 25 minutos frenéticos, o ritmo non baixou e froito diso o conjutno bilbaino gozou dunha gran oportunidade para ampliar a súa vantaxe. Henar recibiu un balón no mediocampo, buscando saír coa posesión controlada ante a gran presión visitante, a dianteira branquivermella fíxolle unha entrada á xogadora asturiana que a colexiada non considerou falta, Agote recolleu o balón rexeitado ante as protestas da defensa branquiazul, e dirixiuse a un man a man con Lucía, que se impuxo rexeitando o disparo raso da dianteira. Entrada xa a media hora de partido o Dépor ABANCA buscaba igualar o marcador. O conxunto coruñés tivo dúas boas ocasións con xogadas laterais, unha acabou cun disparo de Henar por encima do traveseiro e outra cun remate de Ana de Teresa de cabeza, que se marchou pola liña de fondo. O aviso máis claro das branquiazuis chegou no minuto 37, Eva Dios conectou un gran disparo desde o punto de penalti após un gran pase de ADT, pero Eunate estirouse e puido repeler o disparo raso despexando a córner.

Após esta gran chegada local, o conxunto deportivista logrou empatar o encontro no minuto 40, cando Eva Dios conseguiu atopar a Ainhoa Marín aberta no costado dereito do ataque local, con outra gran internada a xogadora puido chegar a liña de fondo nunha acción similar á do primeiro tanto das Nosas, pero esta vez, Ainhoa Marín optou pola xogada individual e conseguiu bater a Eunate cun tiro raso entre as pernas da porteira. O partido marchouse con empate (2-2) ao descanso. 

Irene Ferreras quixo realizar algúns axustes no descanso e realizou un cambio, Lía entraba en lugar de Eva Dios, para tentar culminar a remontada e conseguir os 3 puntos. Nos primeiros compases da segunda metade, o Athletic Club B tentaba impor o seu xogo no choque, pero un erro na saída de balón dunha mediocampista branquivermella deixou a Ana de Teresa nun man a man contra Eunate, ADT definiu de maneira excepcional cun tiro raso á dereita da portería, enganando por completo á gardameta, con este tanto, o Deportivo ABANCA púñase por diante no marcador no minuto 53, 41 minutos despois do tanto que colocaba ao filial bilbaíno 0-2. O conxunto vasco quixo responder rapidamente o gol local, Agote encarou a Inés Altamira polo perfil esquerdo do campo atacante conseguindo entrar na área e centrar un balón moi perigoso, que non puido rematar de forma cómoda Iribarren e terminouse marchando pola liña de fondo. As Nosas, alertadas por esta ocasión, buscaron aumentar a vantaxe no marcador, outra vez atopando a Ainhoa Marín, que desde o extremo dereito púxolle a Ana de Teresa un balón excepcional, que a dianteira non desperdiciou e cabeceou ao fondo da rede. O Deportivo ABANCA selou así a súa remontada no minuto 64, pondo o 4-2 final no marcador. 

Despois do gol de ADT, Irene Ferreras non quería relaxación no equipo, por iso realizou un dobre cambio, Millene e Samara entraron por Charle e Cris Martínez. Con estes movementos o Dépor ABANCA tentou dominar o partido, e que non houbese ningún indicio de remontada visitante. O cadro branquivermello non contou con grandes ocasións para poder recortar distancias no marcador, tan só algún achegamento con balóns colgados. Nos últimos 10 minutos de encontro As Nosas puideron marcar o quinto gol, Millene, contou con dos mans a mans ante Eunate, nos que a gardameta saíu vencedora, aínda tivo outro tiro perigoso desde o balcón da área a propia Millene, que parou cunha gran estirada Eunate. 

O Dépor ABANCA suma a súa oitava vitoria en 11 xornadas, e escala ao liderado provisional da clasificación con 26 puntos, por diante do RCD Espanyol que conta con 25 puntos e que se enfrontará mañá ao terceiro clasificado, o Alhama CF. 

Deportivo ABANCA: Lucía, Cris Martínez (Samara, min. 68), Inés Altamira, Raquel García, Clara (Sara, min. 73), Henar (Ayaka, min. 76), Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín, Eva Dios (Lía M., min. 46), Ana de Teresa e Charle (Millene, min. 68).

Athletic Club B: Eunate, Amaia, Nerea, Marina Artero, Uranga (Oihane, min. 46), Urzainqui (Thais, min. 73), Iribarren, Muniozguren, Mara (C. Fernández, min. 46), Alfaro (Laida, min. 46) e Agote.

Goles: 0-1 Agote (min. 4); 0-2 Iribarren (min. 12); 1-2 Amaia, en propia puerta (min. 17); 2-2 Ainhoa Marín (min. 40); 3-2 Ana de Teresa (min. 52); 4-2 Ana de Teresa (min. 64)

Árbitra: Lorena del Mar Trujillano Gallardo (c. andaluz). Cartón amarelo a Amaia (min. 33) e Henar (min. 70).

Incidencias: partido correspondente á 10ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.