O Dépor ABANCA (1-0) fai bo o factor cancha e anótase a súa primeira vitoria da temporada cun golazo de Millene.
Cun 4-3-3 de inicio, as de Irene Ferreras saíron enérxicas ao partido. Comezaron cunha presión alta que dificultaba a saída de balón rival.
Ao seis minutos, Lucía probou un centro desde tres cuartos de campo, fácil para Paola e pouco despois, Inês tivo que intervir para tapar un disparo afastado. Os primeiros compases de partido non atoparon un dominador claro e o xogo tiña lugar no centro do campo.
No 16, un centro de Ainhoa provocou complicacións no despexe e un minuto despois a propia xogadora probouse desde moi lonxe, ao que Paola contestou cunha boa man abaixo.
As Nosas foron gañando sensacións e aos 20 minutos, unha nova acción de Ainhoa acabou nun pase filtrado para Millene e un disparo que se marchou lixeiramente alto.
Unha nova intervención de Inês, un croque ao pau do Madrid CFF e unha xogada individual de Olaya sen finalización certeira foron as dúas últimas accións dunha primeira metade sen goles.
Á saída de vestiarios, Millene abriu a segunda metade cun slálom na frontal, finalizado cun disparo mordido próximo á cepa do poste. A brasileira tivo a máis clara do partido no 51, após unha deixada atrás de Ainhoa, a dorsal 10 recortou á defensora e sacou un golpeo moi próximo ao recanto.
Inês volveu protagonizar unha magnífica parada no minuto 53 e, esta vez si, no 58, un mísil imparable de Millene de fóra da área acabou no primeiro gol do partido.
O gol, sumado á calor da afección, levantou ás deportivistas, que querían anotar o segundo. Os cambios achegaron frescor ás branquiazuis, pero o Madrid CFF apertou nos minutos finais. Unha nova actuación espectacular de Inês e un gran traballo do equipo en conxunto aguantaron o resultado até o final, asinando desta maneira a primeira vitoria do Dépor ABANCA da temporada 24-25.
Dépor ABANCA: Inês, Samara (Cris, min. 68), Raquel, Vera, F. Lara, Lucía, Olaya, Paula ( Eva Dios, min. 84), Ainhoa (Henar, min. 84), Millene (Hmírová, min. 68), Bárbara (ADT, min. 77).
Madrid CFF: Paola, Esther, Sandra, Mónica, Laura (Bárbara, min. 68), Flor, Kamilla, Cris (Kayla, min. 81), Allegra, Malou (Karen, min. 68), Mendo (Aldi, min. 61).
Árbitra: Ylenia Sánchez Miguel, do comité catalán, amoestou ás locais Raquel e Lucía; e ás visitantes Laurita, Mendo e Aldi.
Goles (1-0): 1-0 Millene, min. 58.
Incidencias: partido correspondente á xornada 6 da Liga F fronte ao Madrid CFF en ABANCA-RIAZOR, ante 1.696 espectadores.