Deportivo ABANCA e Athletic Club, dous equipos de Liga F, protagonizaron en ABANCA-RIAZOR unha XII edición do Teresa Herrera de primeiro nivel que caeu ao lado deportivista (2-1).
O partido foi retransmitido en directo pola canle oficial de YouTube grazas a Auga de Parada e serviu ademais de presentación do conxunto deportivista ante #ANOSAFORZA.
Até a data nesta pretemporada As Nosas levaban dúas derrotas aínda que lonxe de Abegondo, ante dúas dos equipos portugueses de primeiro nivel (SC Braga e Sporting CP) e aínda encima ambos con máis rodaxe que as branquiazuis.
Desta forma, o Dépor ABANCA levanta a súa cuarta Torre de Hércules cimentado nun gran inicio de partido e nun exercicio defensivo a continuacion ante o empuxe do rival.
O Athletic Club, campión das edicións de 2017 e 2018, tívose que conformar co subcampeonato.
O partido rompeu aos 10 minutos. Eva Dios recolle un balón case no mediocampo, ve adiantada á porteira Quiñones e lanza unha vaselina que se coa na portería do Athletic Club.
Os dous equipos apenas crearan oportunidades até esa gran xogada da internacional deportivista.
As Nosas volven golpear 3 minutos máis tarde. Paula Gutiérrez gaña un balón en mediocampo e mete en profundidade a Millene, que bate con calidade a Quiñones.
En apenas 14 minutos o conxunto de Irene Ferreras inclinou a final do seu lado.
Ferido o seu orgullo, o Athletic Club lanzouse á meta de Inês Pereira. No entanto, a defensa deportivista tapou ben todos os espazos.
Itxaso, desde moi lonxe, disparou demasiado alto no 18.
Reduce diferenzas o equipo vasco por mediación de Sanadri nunha bonita manobra de costas a portería na que burla a Raquel e o seu disparo raso pegado ao poste dereito foi imparable para Inês Pereira.
As branquivermellas encerrasen as deportivistas por momentos na súa área. Foron os seus mellores momentos no partido.
No minuto 40, conseguiu saír Millene da presión do Athletic Club co balón controlado desde o centro do campo e tentou unha vaselina como Eva Dios no primeiro gol. Esta vez Quiñones corrixiu ben a súa posición e atallou sen problemas.
Ao descanso chegouse con 2-1.
Con varios cambios nos dous equipos arrincou a segunda metade e co conxunto vasco en posicións adiantadas.
Irene Ferreras taponou ben o ataque do Athletic nos primeiros minutos e mesmo Cris Martínez puido marcar no minuto 58 ao recoller un balón perdido na área do Athletic. O disparo da capitá deportivista márchase cruzado.
Co paso do tempo as vascas foron perdendo precisión en ataque e as deportivistas aproveitaron para saír con máis facilidade á área rival.
Ao final, triunfo deportivista ante o Athletic Club e, por conseguinte, o trofeo queda na Coruña.
Deportivo ABANCA: Inês Pereira (Yohana, min. 46), Samara (Cris, min. 46), Raquel, Vera, F. Lara (Marina Artero, min. 80), Lucía (Henar, min. 30 e Elena Vázquez, min. 80), Paula Gutiérrez, Eva Dios (Olaya, min. 60), Ainhoa Marín (Bárbara, min. 60), ADT (Hmirova, min. 46) e Millene (Oriana Altuve, min. 46 e Carlota min. 80)
Athletic Club: Quiñones (A. Nanclares, min. 60), Maddi, Landaluze (Maite Zubieta, min. 46), Nahikari (Vilariño, min. 60), Itxaso (Leire Baños, min. 46), Sanadri (P. Zugasti, min. 60), Azkona (Jone, min. 46), Gara (Nerea Nevado, min. 46), Pinedo (Mariana, min. 60), S. Ortega (Stefa, min. 74) e Elexpuru (Oihane San Martín, min. 85)
Goles: 1-0 Eva Dios (min. 10); 2-0 Millene (min. 13); 2-1 Sanadri (min. 29).
Árbitro: Zulema González González, do colexio galego
Incidencias: Partido correspondente á XII edición do Trofeo Teresa Herrera feminino disputado en ABANCA-RIAZOR. As Nosas luciron o equipamento Arsenio Galego
Eva Dios, xogadora Estrella Galicia da final
Eva Dios, autora do espectacular primeiro gol do partido, foi elixida Xogadora Estrella Galicia polos medios de comunicación acreditados en ABANCA-RIAZOR.
A internacional deportivista recolleu o galardón de mans de José Martínez Vázquez, Relacións Públicas de Hijos de Rivera.