RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA pecha o mes de outubro con visita mañá domingo a unha SD Eibar "que nos vai a incomodar moito seguro"

O Dépor ABANCA pechará este mes de outubro con visita mañá domingo 20 de outubro ás 12:00 (Dazn) á SD Eibar en Ipurúa, en partido correspondente á 7ª xornada na Liga F.

Despois deste encontro haberá parón ligueiro polas seleccións nacionais. Aínda que, tal e como lembrou Irene Ferreras en rolda de prensa, o equipo deportivista non pode contar con Elena Vázquez, concentrada coa selección española sub-17 no Mundial que se está disputando na República Dominicana: "Pásanos con categorías inferiores coa situación de Elena especialmente. Perdémola por unha causa importante e desexándolle o mellor nese campionato".

Neste descanso competitivo e coa ausencia de varias futbolistas (Hmírová, Aihoa Marín, Olaya e Inês Pereira confirmadas até a data) a adestradora branquiazul e o seu corpo técnico tratarán de "traballar ben coas que quedan porque son semanas que a nós, os que nos gusta tamén adestrar, sérvenos para mellorar individualmente ás xogadoras".

Iso si as internacionais, recalca, "vanse a un contexto de moita esixencia e logo cando volven ti vés dunha semana de non competir e tes que tratar de equilibrar ese descanso tamén delas para non queimalas. É parte do noso traballo. Eu sempre digo: 'bendito problema ter en cadro xogadoras internacionais que teñen compromisos coas súas seleccións', porque significa que estamos a traballar con xogadoras de elite".

As branquiazuis, co triunfo do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Madrid CFF, ocupan a 13ª praza con 5 puntos.

Coa recuperación de Henar, todo o cadro de persoal está a disposición de Irene Ferreras salvo Olaya, con molestias musculares; para un partido no que "temos un rival importante diante que nos vai a incomodar moito seguro".

Pide "interpretar ben o que toca no partido; a cada vez sentir que temos máis fluidez e mellores mecanismos en ataque, que aí é onde tamén temos que crecer, desde esa solidez defensiva que estamos a ter".

Pola súa banda, a SD Eibar, que a pasada fin de semana caeu no seu campo ante o Athletic Club (1-2), é 9º con 6 puntos.

Ambos os equipos víronse as caras este pasado 17 de agosto nun amigable na localidade cántabra de Unquera, resolto a favor das eibarresas (1-2).

No seu campo esta temporada a SD Eibar, entre as que se atopan as ex deportivistas Miralles e Andrea Sierra, gañaron ao Real Betis Balompié (2-0) e á Valencia Féminas (2-0); e caeron co Levante UD (0-3) e o citado choque ante o Athletic Club.

O seu técnico Yerai Martín, en rolda de prensa, opina que "a nivel de xogo somos dous equipos moi diferentes pero moi competitivos. Son sempre partidos moi competidos os que temos contra elas".

As Nosas realizaron esta mañá baixo a choiva unha última sesión de traballo antes de partir ao País Vasco, con esta folla de ruta:

Sábado 19 de outubro
12:00: Saída en autocar de Abegondo
19:45 (horario aproximado): Chegada ao hotel Occidental Bilbao

Domingo 20 de outubro
12:00: SD Eibar - Deportivo ABANCA, en Ipurúa
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña

O Dépor ABANCA adestrarase de novo en Abegondo o luns 21 a partir das 11:00 horas.