O Dépor visita mañá domingo 25 de febreiro ao Osasuna B en Tajonar (20:00 horas, FEF TV) en partido correspondente á 25ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.
Imanol Idiakez advirte que Os Nosos están ante "un partido de dificultade moi grande e se non o entendemos ímonos a equivocar. Aquí dentro témolo clarísimo que Osasuna B vainos a expor un partido moi complicado".
Os resultados da última xornada, coa goleada (4-1) en ABANCA-RIAZOR á SD Tarazona, deixaron ao Dépor en 3ª posición da táboa con 44 puntos, superados unicamente pola SD Ponferradina (2º con 45 puntos) e polo Nàstic de Tarragona (líder con 46 puntos).
Será baixa Pablo Martínez, que se recupera dunha escordadura do ligamento lateral interno do seu xeonllo esquerdo; e Salva Sevilla, cunhas molestias cervicais que lle impediron adestrarse durante case toda a semana.
Onte en rolda de prensa, o adestrador deportivista explicou que o regreso do central francés "vai depender da evolución. Entendemos que para Tarragona (o 10 de marzo ás 12:00) probablemente estará. Pero son lesións de articulacións que van depender moito dunha vez que entre no campo se lle permite facer fútbol. Seguramente a evolución vai ser boa en canto a bicicleta, en canto a traballos antes de facer fútbol, logo vai depender das molestias que poida ter cando se incorpore. Vai ser dubida a semana que vén e cremos que se todo vai ben podería chegar a Tarragona".
Por contra, a boa noticia é o regreso de Davo (na foto da noticia) após cumprir 2 partidos de sanción. Imanol Idiakez alégrase pola súa volta: "Que fixésemos estes números sen Davo refórzanos unha chea e agora con Davo non hai dúbida de que somos mellores. É unha moi boa noticia para todos. Temos un argumento máis de inicio ou despois; e eu creo que co obxectivo que temos todos na cabeza é necesario que teñamos este tipo de competencia interna. Dixémolo por activa, por pasiva, unha das nosas fortalezas é a competencia interna e creo que a volta de Davo é unha moi boa noticia".
Rubén López será o único canteirán na citación de 23 futbolistas que partiron en autocar a Pamplona nada máis finalizar a última sesión de adestramento desta mañá en Abegondo, consistente nunha activación cun roldo no centro do campo 2; e posteriormente un repaso ao plan de partido e ás accións a balón parado no campo 3 da Cidade Deportiva.
O partido será especial para o dianteiro deportivista Iván Barbero, formado nas categorías inferiores de Osasuna desde o ano 2017; e sería especial para Max Svensson, agora ariete do filial rojillo após pasar a campaña pasada por ABANCA-RIAZOR, pero o dianteiro catalán perderase a visita do Dépor a Pamplona ao viaxar co primeiro equipo osasunista a Las Palmas.
Na primeira volta disputada na Coruña o pasado 26 de novembro houbo empate (1-1). Ander, que mañá en Tajonar será baixa por sanción, adiantou ao filial osasunista no minuto 21. Empatou Villares no 36.
Pola súa banda, o Osasuna B, que a pasada fin de semana caeu (1-0) en Espiñedo ante o CD Arenteiro, chega ao partido en 13ª posición con 29 puntos.
En Tajonar esta temporada, os navarros gañaron ao UE Cornellà (1-0), Unionistas de Salamanca CF (1-0), Nàstic de Tarragona (1-0) e SD Logroñés (3-0); empataron co CD Arenteiro (0-0), CF Rayo Majadahonda (1-1), CD Teruel (1-1) e SD Tarazona (1-1); e caeron co CD Lugo (1-2), Celta Fortuna (2-3) e SD Ponferradina (0-1).
Finalizado o choque, Os Nosos adestraranse de novo o mércores 28 de febreiro ás 11:00 en Abegondo.