O Dépor conclúe o ano 2023 coa visita mañá domingo 17 de decembro (19:00 horas, TVG-2 e FEF TV) ao CD Arenteiro en Espiñedo, en partido correspondente á 17ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.
Os resultados da última xornada, co empate en ABANCA-RIAZOR ante o Sestao River (1-1) deixaron a Os Nosos na 10ª posición da táboa con 23 puntos, os mesmos que o CD Arenteiro, 9º por mellor golaverage xeneral.
En Espiñedo só un equipo, a Real Unión de Irún, foi capaz de gañar (2-3) esta temporada. Todos os demais ou perderon, caso da SD Logroñés (3-0), Sestao River (1-0), Unionistas de Salamanca CF (4-0), UE Cornellà (1-0) e CE Sabadell FC (2-0); ou empataron, como a SD Tarazona (1-1) e o CF Fuenlabrada (1-1).
En rolda de prensa, Imanol Idiakez, cre que ao conxunto ourensán pódeselle facer dano "para empezar respectándoo moito, que é algo que ten que ver coa humildade. Aceptar que os demais tamén teñen o seu nivel, que tamén fan as cousas, e fanas moi ben ademais".
Opina que o CD Arenteiro "é un club que está a facer fenomenalmente as cousas, que ten a nivel deportivo as ideas moi claras. Asinou algúns xogadores, sobre todo ao final de mercado, que están a ter un rendemento buenísimo. Chacón, Pibe, Esquerdo están a facer unha temporada moi boa con todo o equipo".
Ademais, o técnico deportivista advirte que "na súa casa senten fortes coa súa xente. Eles están un pouquiño coa ilusión de recuperar a categoría e de estar a vivir unha boa temporada. E ese é o primeiro paso, respectalos, saber que vai haber dificultades, que eles manexan o seu campo moi ben, que seguramente o campo non vai estar en boas condicións, que iso nos vai a obrigar a axustar algunhas cousas respecto ao xogo".
Así pois, conclúe Imanol Idiakez que "se o respectamos e entendemos que temos que igualar a súa intensidade, a súa ilusión, a partir de aí espero que podamos igualar iso e impor o fútbol".
Após a sesión desta mañá no campo 3 de Abegondo, consistente nunha activación, rondos, un exercicio táctico e un repaso ao plan de partido, o Dépor recupera mañá a Pablo Muñoz, aínda que segue coas baixas de Ximo Navarro, Barbero, Retuerta e Berto Cayarga, este a consecuencia dunhas molestias na musculatura isquiotibial da súa perna esquerda.
Martín Ochoa, Mella, Rubén e Kevin son os representantes de #ANOSACANTEIRA. Marc, que hoxe traballou co Dépor, xogará finalmente co Fabril en Pontevedra.
Ambos os equipos víronse as caras o pasado 19 de agosto (na foto da noticia) nun amigable en Espiñedo que caeu ao lado do Dépor (0-3), con goles de Davo, Lucas e Diego Gómez.
Pola súa banda, o CD Arenteiro no que militan os ex deportivistas Romay e Miku, chega ao partido após caer a pasada fin de semana en Majadahonda (2-0).
O seu adestrador, Javi Rey, cualificou o choque de mañá como "histórico": "Que unha vila como Carballiño de 14.000 habitantes xogue un partido oficial contra todo un RC Deportivo da Coruña é motivo de orgullo".
De feito, o CD Arenteiro declarou o encontro como Día do Club e, por conseguinte, os socios tamén deben de pasar por despacho de billetes.
En declaracións á TVG, Romay asegura que os branquiazuis "son favoritos. Xogamos en casa, imos tentar meterlles man, pero sinxelo non vai ser". O ex canteirán branquiazul cre que o Dépor "é outro mundo. Segue sendo de Primeira División fóra do campo".
Pola súa banda, Miku, tamén na televisión autonómica, destaca que o CD Arenteiro "vén dunha inercia moi boa do ano pasado e perseguir o noso obxectivo que é a permanencia. E a partir de aí soñar é gratis". O internacional venezolano lembra que o Dépor "ten futbolistas contrastados en categorías superiores e estou seguro que a final de temporada van estar na zona onde deben estar".
Finalizado o encontro, Os Nosos comezan as súas vacacións de Nadal. Imanol Idiakez citou de novo ao seu cadro o mércores 27 ás 8:30 en Abegondo.