RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor conclúe a concentración de Portugal cunha derrota en Chaves

O Dépor caeu (2-0) co GD Chaves este sábado con motivo do amigable co que se puxo fin á concentración en Portugal.

O encontro, enmarcado na DéporXira Auga de Parada, foi retransmitido en directo pola canle oficial de YouTube do RC Deportivo grazas a Auga de Parada.

Os Nosos saldaran con empate os seus dous compromisos anteriores desta dura semana de pretemporada, ante o FC Famalicão (2-2) e Gil Vicente FC (0-0), dous equipos de Primera División.

O GD Chaves, que arrinca a competición en Segunda División o 11 de agosto ante o Académico de Viseu (unha semana antes que o Dépor), aproveitou este amigable para realizar a presentación oficial ante os seus afeccionados. 

A primeira oportunidade clara chegou ao cuarto de hora. Villares recibe de Mario Soriano coa meta portugués fóra do seu marco e o disparo do centrocampista branquiazul sácao un defensa do GD Chaves baixo paus.

O protagonista do partido foi Sergio Escudero, que se viu obrigado a saír do terreo de xogo no minuto 36 a consecuencia dunha luxación no cóbado esquerdo. Foi relevado por Luis Chacón.

Barbero puido adiantar ao Dépor no minuto 38 ao facerse cun balón perdido na área. O seu disparo, raso e frouxo nun rebumbio de pernas, deteno Vozinha na raia de gol.

Pouco despois Sanca adianta ao GD Chaves. Pina fai un cambio de orientación desde o lateral zurdo á banda contraria para Carraça, cuxo centro raso o remata como lle vén Sanca ao pau esquerdo da meta de Germán, que pouco puido facer.

Con este resultado chegouse ao descanso.

A segunda parte arrincou con dous cambios no Dépor. Davo e Hugo Rama relevaron a Mario Soriano e Barbero. Había que dar un paso adiante para buscar a igualada.

Así, o Dépor foise facendo aos poucos co mando do partido ante un GD Chaves que preferiu atrasar liñas e esperar unha contra para matar o partido.

De Hugo Rama foi o seguinte intento no minuto 74. Recibe ben de Pablo Vázquez e o seu disparo atállao ben Gonçalo, relevo de Vozinha na portería local.

O GD Chaves sentenza no minuto 86 cun tanto de Platiny, que aproveita un desaxuste defensivo branquiazul para bater de tiro raso cruzado a Germán.

Lucas tivo nas súas botas o 2-1 pero o seu disparo na área sácao co corpo Gonçalo, que saíu a tapar ao capitán deportivista. 

Logo faltaron forzas e tempo para polo menos igualar o marcador.

GD Chaves: Vozinha, Bruno R., Paulo Víctor, Sanca, V. Fernandes, Roan Wilson, Carraça, Kusso, Tiba, Kiko e Rubén Pina. Tamén xogaron: Platiny, Rodrigo, Ushindi, Gonçalo, Junior, Brais, Aaron, Jo Baptista, Morim, Melro e Gabi

Deportivo: Germán, Ximo Navarro (Pablo García, min. 82), Pablo Vázquez, Pablo Martínez (Dani Barcia, min. 75), Iano, Villares (Kevin Sánchez, min. 75), Jose Ángel (Rubén López, min. 75), Escudero (Luis Chacón, min. 36), Mario Soriano (Hugo Rama, min. 46), Lucas e Barbero (Davo, min. 46)

Árbitro: Christian Rodrigues. Amoestou a Paulo Víctor (min. 42) e Jose Ángel (min. 62)

Goles: 1-0 Sanca (min. 42); 2-0 Platiny (min. 86)

Incidencias: Encontro disputado no Estadio Municipal de Chaves

Finalizado o encontro, a expedición deportivista emprende viaxe de regreso á Coruña.