RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor consegue igualar un 2-0 na visita ao FC Famalicão

O Dépor vai dando pasos firmes para consolidarse como un equipo resiliente, que nunca perde a cara aos partidos, nin aínda en pretemporada. Esta tarde conseguiu igualar un 2-0 na visita ao FC Famalicão no terceiro amigable do verán despois das vitorias da pasada semana ante o Ourense CF (0-4) e ante o Pontevedra CF (0-2). 

Os Nosos levan sen coñecer a derrota desde o pasado mes xaneiro, cando caeron no Estadio Reino de León ante a Cultural Leonesa en liga. A partir de aí algúns empates e moitas, moitas vitorias.

A pretemporada subiu de nivel na primeira cita en Portugal posto que o seu rival este martes é un club que milita na máxima categoría do fútbol portugués, e que ademais arrinca a liga o 11 de agosto ante o SL Benfica, unha semana antes que os coruñeses.

Imanol Idiakez puido contar con todos os seus futbolistas salvo Raúl Alcaina, con adestramento personalizado co readaptador Fernando Rodríguez; e David Mella, cuns días de descanso despois de proclamarse campión de Europa sub-19 o pasado domingo ante Francia.

O partido púxose pronto costa arriba. Aos 2 minutos, Óscar Aranda adiantaba ao seu equipo, lanzado á portería deportivista nos compases iniciais no que pretendía ser a festa de presentación ante a súa afección.

Aos poucos o Dépor sacudiuse o dominio inicial e empezou a apropiarse do balón. Así Luis Chacón no minuto 18 non precisou ben un último pase que levase perigo á portería lusa.

Hugo Rama foi o protagonista dos dous seguintes disparos a porta branquiazuis: no minuto 23 detén a meta local e no 35, case desde o centro do campo, escápaselle demasiado alto.

O final do primeiro tempo acabou con susto para a portería de Germán Parreño. O colexiado do partido, João Pinheiro, anulou un gol ao FC Famalicão, concretamente a Óscar Aranda, por posición de fóra de xogo. 

Así se chegou ao descanso.

No arranque da segunda metade, Germán vese obrigado a derrubar na área a Óscar Aranda, que transforma el mesmo o penalti consecuente.

O FC Famalicão aumentou a súa vantaxe ante a satisfacción da súa inchada, que xa albiscaba unha nova vitoria na súa pretemporada.

Este gol chegou antes do carrusel de cambios no Dépor, que ademais ten mañá mércores outra cita, esta vez ante o Gil Vicente.

E este movemento de pezas de Imanol Idiakez cambiou o rumbo do partido. Un dos de refresco, Barbero, recortou diferenzas no marcador cun gol de bonita factura de vaselina desde fóra da área no minuto 61.

O Dépor acelera e asina o empate no minuto 75 após unha gran xogada invidual de Yeremay que Lucas transforma.

O propio Lucas estivo preto do terceiro 4 minutos máis tarde, pero o seu remate márchase fóra. O Dépor toma as rendas do partido.

Pablo Martínez tivo a última do partido no 84 á saída dun saque de esquina. O defensor deportivista non precisou o seu remate a pesar de que estaba libre de marca.

O Dépor merecía culminar a remontada cun terceiro gol pero non conseguiu acertar nas súas últimas opcións.

FC Famalicão: Luiz Júnior, Enea Mijah, Mirko Topic, Rochinha, Óscar Aranda, Justin de Haas, Rodrigo Pinheiro, Gustavo Sá, Gil Dias, Zaydou, Youssouf e Francisco Moura. Tamén xogaron: Lucas Calegari, Tom van de Looi, Riccieli, Ibrahima Ba, Gustavo Assunçao, Ivan Zbolin, Joao Neto, Pablo e Gabriel Cabral 

Deportivo: Germán Parreño, Ximo Navarro (Petxarromán, min. 57), Pablo Vázquez (Jaime, min. 70), Pablo Martínez, Escudero (Iano, min. 57), Jose Ángel (Villares, min. 57), Rubén López (Barbero, min. 57), Hugo Rama, Luis Chacón (Davo, min. 70), Yeremay e Lucas

Árbitro: João Pinheiro de Portugal.

Goles: 1-0 Óscar Aranda (min. 2); 2-0 Óscar Aranda (min. 54); 2-1 Barbero (min. 61); 2-2 Lucas (min. 75)

Incidencias: Partido de presentación do FC Famalicão ante a súa afección disputado no Estadio Municipal Vila Nova de Famalicão. O partido detívose na recta final do primeiro tempo debido á presenza de velutinas nun sector da bancada.