RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor "cos 5 sentidos postos" recibe mañá domingo ao Racing de Ferrol en busca da primeira vitoria

Un Dépor "cos 5 sentidos postos" tal e como asegurou onte Imanol Idiakez en rolda de prensa recibe ao Racing de Ferrol mañá domingo ás 17:00 horas en ABANCA-RIAZOR (LaLiga Hypermotion) en partido correspondente á 3ª xornada en LaLiga Hypermotion. "Sei que é difícil, para vós (os medios de comunicación) e para todo o mundo porque desgraciadamente segue esta moda de que o mercado estea aberto con xornadas de liga polo medio. Pero eu desde logo cos 5 sentidos postos no partido, que é o realmente importante", insistiu o técnico branquiazul.

Os Nosos chegan ao choque ante os racinguistas coas amargas derrotas ante o Real Oviedo e a SD Huesca, esta con un gol no desconto; e após unhas últimas horas de retoques nun cadro que xa tiña a base na que logrou o ascenso a temporada pasada.

Así, nestes últimos días do mercado de verán confirmáronse os reforzos do centrocampista do Arsenal Charlie Patiño; o dianteiro centro Mohamed Bouldini; do extremo procedente do FC Basel Juan Carlos Gauto, que se adestrou esta mañá por primeira vez en Abegondo cos seus compañeiros (na foto da noticia) e quedou fóra da convocatoria; e Cristian Herrera, este confirmado esta mesma mañá a expensas do recoñecemento médico.

Ante os medios, o preparador deportivista afirma do futbolista inglés con raíces coruñesas que "é moi novo, está en plena progresión, ten unha boa calidade" pero pediu darlle "un pouquiño de tempo a que se integre, a que se adapte, a que colla un piso, a que se asente na Coruña, entenda o que facemos. A nivel físico está bastante ben, seguramente non ao 100% pero hai outras cousas que aínda lle falta un pouquiño de tempo".

Ademais das fichaxes, Raúl Alcaina, Luis Chacón, Iano Simao e Rubén López saíron cedidos a clubs de Primera Federación co obxectivo de seguir crecendo.

Causa baixa mañá por lesión Sergio Escudero, que realiza tarefas co grupo e outras co readaptador Fernando Rodríguez.

O Dépor completou hoxe a última sesión de traballo en Abegondo, cunha activación no campo 2; e un ensaio do plan de partido no campo 3.

En fronte estará o Racing de Ferrol, do que Imanol advirte que é é un equipo "moi equipo, un equipo que traballa moi ben a nivel colectivo, que se deixa pouco e que ten dianteiros, ten xente que domina a área".

Por conseguinte advirte que "temos que estar atentos para non concederlles porque neste nivel o que se adianta ten moita vantaxe. Imos tentar que esta semana sexamos nós".

O equipo do ex técnico deportivista Cristóbal Parralo suma 1 punto no que vai de liga após o empate na Malata ante o Málaga CF (2-2) na 1ª xornada. A pasada fin de semana, tamén en Ferrol, o Racing cultivou unha derrota (0-1) co Granada CF.

En rolda de prensa, o futbolista Josep Señé admite "o incentivo que é xogar contra o Dépor para o Club, para a afección, para a cidade. Sabemos da rivalidade que hai, entón foi unha semana normal pero sabendo ese plus que hai".

O centrocampista catalán cre que o seu equipo "se está atopando ben, sólido. Fáltanos pisar máis área, xerar algo máis de perigo porque o sistema che leva máis a iso pero co devir das xornadas irémonos atopando mellor".

Finalizado o partido, Os Nosos adestraranse o luns en Abegondo ás 10:30 horas.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK