RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor estréase esta tarde ante o Atlético Arteixo no Memorial Arsenio Iglesias con Lionel Scaloni no palco de ABANCA-RIAZOR

O Deportivo de Imanol Idiakez estréase esta tarde (18:00 horas) en ABANCA-RIAZOR ante o Atlético Arteixo de Terceira RFEF no Memorial Arsenio Iglesias.

O partido poderase seguir en directo na canle oficial do Club en Youtube.

O amigable servirá para render homenaxe a Arsenio Iglesias, recentemente falecido. Así, a familia do mítico xogador e adestrador branquiazul fará o saque de honra.

E no descanso, Lionel Scaloni, un dos ex futbolistas máis queridos e que presumiu do seu deportivismo mesmo no pasado Mundial de Qatar, no que quedou campión con Arxentina, recibirá no céspede de ABANCA-RIAZOR unha cariñosa homenaxe do Club e por suposto de #ANOSAFORZA.

Desde as 15:00 están abertas os despachos de billetes do Palacio dos Deportes de Riazor. Os socios do RC Deportivo teñen libre acceso a ABANCA-RIAZOR co seu carné da temporada 2023-24. Para o público, as entradas custan 10 euros (tribunas e preferencias) e 5 euros (Pavillón e Marathón).

Imanol Idiakez ten á súa disposición a todo o cadro salvo Pablo Vázquez e Kuki Zalazar. Álvaro Santamaría, Martín Ochoa, Brais Val, Kevin, Tim Caroutas e Somolinos representarán a #ANOSACANTEIRA na citación de 24 futbolistas.

Esta mañá, o Dépor realizou unha suave sesión cun traballo de activación e un repaso de accións a balón parado.

Davo, onte na rolda de prensa da súa presentación, opinou que tanto o desta tarde como o do sábado, coa LXXVIII edición do Trofeo Teresa Herrera en xogo, "son partidos moi especiais" e "con cabida para #ANOSAFORZA".

De feito, confesou ter moitas ganas "de ver ABANCA-RIAZOR, de ver #ANOSAFORZA, de poder estrealo. Imos con moita ilusión".

Concluído o amigable, Os Nosos están citados mañá mércores en Abegondo para almorzar a partir das 8:30 e adestrar ás 10:30 horas.

Galería de fotos en Facebook