Un solitario tanto de Hugo Rama deu ao Deportivo os tres puntos en campo do UE Cornellà, de onde os branquiazuis saen reforzados no liderado do grupo 1 de Primera Federación.
Imanol Idiakez, preparador branquiazul, repetiu a aliñación que presentou a pasada fin de semana no Cerro del Espino, na visita ao CF Rayo Majadahonda.
O Deportivo controlou o partido desde o inicio, aínda que lle custou chegar á portería rival. O primeiro disparo do encontro foi a cargo de Jose Ángel, cun zurdazo desde fóra da área que se foi ás nubes. Corría o minuto 24.
A primeira acción trenzada de perigo acabou en gol. Xusto cumpríase a media hora de xogo cando Hugo Rama batía a Rubén Miño cun zurdazo cruzado despois dun servizo ao punto de penalti de Balenziaga, que gañara a liña de fondo. Foi o segundo tanto do canteirán na presente temporada, a do seu regreso á Coruña.
Xusto despois de adiantarse no marcador, o Dépor atravesou os seus peores momentos da primeira metade. No minuto 32, Clau Mendes deuse a media volta na área e o seu dereitazo golpeou no pé esquerdo de Pablo Vázquez. O balón envelenouse e Germán desviouno a córner nunha gran intervención cando se dirixía á base do poste esquerdo da súa portería. No córner, Teddy rematou no primeiro pau e volveu rexeitar a saque de esquina o porteiro deportivista. E no segundo córner, cabezada de Andreu Hernández, que estrelou a pelota na parte superior da rede.
O conxunto catalán dispuxo doutra boa ocasión no minuto 37, nunha cabezada fortísima de Teddy desde o bordo da área que atrapou Germán cando o coiro apuntaba á cepa do poste dereito da meta branquiazul. Dous minutos despois, Hugo Rama puido ampliar a vantaxe deportivista. O canteirán empalmou coa dereita unha deixada de cabeza de Barbero nun saque de banda. O esférico perdeuse moi preto do pau esquerdo da portería local.
Un dereitazo desde 35 metros de Armando que se foi por pouco por riba do traveseiro herculino, no minuto 43, e un zurdazo moi cruzado de Marc Tenas após quedar só na área despois de recortar a Pablo Martínez, no 44, foron as dúas últimas oportunidades da UE Cornellà antes do descanso. Xa en tempo engadido, Barbero, completamente só no segundo pau, cabeceou alta unha falta colgada por Hugo Rama.
Nos compases iniciais da segunda metade, cada equipo dispuxo dunha opción clara para mover o marcador. En primeira instancia, Barbero cabeceou alto, con todo a favor, un centro de Davo que superara ao porteiro catalán. No minuto 48, Clau Mendes cabeceou picado un córner e Germán rexeitou cara á súa esquerda para afastar o perigo.
Hugo Rama probouno cun zurdazo desde 25 metros, moi preto do pau dereito da portería catalá. Corría o minuto 54. Á hora de xogo, Davo disparou desviado despois dunha acción individual polo centro con parede con Ximo Navarro.
Os branquiazuis aínda dispuxeron dunha opción máis clara para sentenciar a contenda. No minuto 65, un contragolpe conducido por Hugo Rama continuou cunha apertura á dereita para Mella. O '3' buscou de novo en profundidade ao goleador do día, que no man a man ante Rubén Miño bateu ás nubes.
O UE Cornellà tivo a súa máis clara opción para empatar no minuto 71, cando Marc Tenas rematou de socato chegando desde atrás. O seu disparo, potente pero centrado, rexeitouno Germán. Clau Mendes rematou o rebote pero enviou a pelota por riba do traveseiro.
O Dépor tratou de controlar nos minutos finais, pero cedeu demasiado terreo ao rival. A pesar de concederlle a opción de centrar numerosos balóns á área e a pesar de que o colexiado engadiu un minuto máis aos catro minutos de prolongación sinalados inicialmente, os branquiazuis mantiveron a súa vantaxe para pechar o choque cun novo triunfo.
Con esta vitoria, coa que o Dépor mantén o liderado do grupo 1 de Primera Federación pase o que pase no resto da xornada, os branquiazuis reafírmanse como mellor equipo fóra de casa con 31 puntos en 16 partidos. O conxunto coruñés suma 58 puntos, 4 máis que o Barça Atlètic, que visita mañá ao CA Osasuna B; 7 máis que o RC Celta Fortuna, que xoga esta tarde en Tarazona, e o Gimnàstic de Tarragona, que visita mañá á SD Ponferradina, quinto clasificado a 8 puntos de distancia.
O Dépor só perdeu 1 partido dos últimos 19 e suma 11 partidos consecutivos sen coñecer a derrota, logrando 29 puntos de 33 posibles mercé a 9 vitorias e 2 empates. Ademais, completou o seu segundo partido consecutivo sen encaixar, co que Germán acumula 226 minutos coa porta imbatida.
UE Cornellà: Rubén Miño, José Más (Gonpi, min. 87), Sergio Ayala, Andreu Hernández, Eudald Vergés, Toni Arranz (Robert Simón, min. 81), Armando, Marc Tenas (Canario, min. 81), Caballero, Teddy (Luisao, min. 65) e Clau Mendes.
RC Deportivo: Germán, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Diego Villares, Jose Ángel, Davo (Mella, min. 60), Hugo Rama (Rubén López, min. 75), Yeremay e Barbero (Raúl Alcaina, min. 75).
Gol: 0-1 Hugo Rama (min. 30).
Árbitro: Armando Ramo Andrés (c. aragonés). Cartón amarelo a Sergio Ayala (min. 45+1), Barbero (min. 55), Caballero (min. 61), Rubén López (min. 78), Canario (min. 89) e Jose Ángel (min. 89).
Incidencias: partido correspondente á 30ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado na Ciudad Deportiva Dani Jarque, en Sant Adrià de Besòs, con preto de 1.000 deportivistas nunhas bancadas con capacidade para 1.520 espectadores