RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor volve deixar escapar dous puntos na prolongación (1-1)

O Deportivo deixou escapar de novo dous puntos no tempo de prolongación, nun partido no que tardou 86 minutos en plasmar a súa manifesta superioridade sobre o SD Tarazona e só 9 perder o que tanto lle custou lograr.

O preparador branquiazul, Imanol Idiakez, realizou un só cambio con respecto ao once que presentou na pasada xornada, na vitoria en ABANCA-RIAZOR ante o SD Logroñés. E foi obrigado, debido á sanción a Jose Ángel por acumulación de amoestacións. Jaime foi o substituto do mediocentro sevillano.

Sen tampouco asoballar ao conxunto aragonés, o Deportivo si se erixiu no claro dominador do partido desde o asubío inicial. Tanto, que até o minuto 3 practicamente non tivo a oportunidade de tocar a pelota o equipo local. Entre medias produciuse a primeira ocasión clara do partido, cando no minuto 2 un centro de Lucas rematouno un tanto forzado Diego Villares, no aire coa perna dereita, enviando o coiro por riba do traveseiro.

O propio Villares, no minuto 13, recibiu pola dereita un pase en profundidade de Lucas, cedeu ao centro en busca de Pablo Valcarce, ao que non atopou, o despexe dun defensa caeu a Davo e o dereitazo do asturiano, caéndose ao chan, blocouno Yoel a pesar de atoparse fóra dos tres paus.

No minuto 21, novamente foi protagonista Diego Villares. O villalbés tentouno cun zurdazo desde a media lúa que atrapou o meta local en dous tempos.

Xa no minuto 35 produciuse unha dobre ocasión nun saque de esquina. Primeiro, o gardameta palmeou un despexe cara á súa propia portería de Carlos Javier. Na segunda acción, Yoel capturou unha cabezada de Pablo Martínez.

O conxunto local estirouse lixeiramente e no minuto 37 fixo o seu primeiro disparo, un frouxo dereitazo de Andreu Guiu blocado con facilidade por Germán. Dous minutos máis tarde, probou sorte de novo Andreu Guiu, que recuperou en mediocampo e tentou sorprender a Germán desde 45 metros. O xogador local golpeou mal, o esférico quedou curto e o porteiro deportivista fíxose con el sen maiores problemas.

A segunda metade comezou coa mesma tónica que a primeira. Un Dépor dominador, chegador e único conxunto capaz de pisar a área contraria e de disparar a porta.

A primeira ocasión chegou no minuto 51. Centro de Lucas, deixada de peito cara atrás de Villares e Davo empalmou desde a frontal, case un penalti en movemento, un dereitazo durísimo pero centrado que Yoel rexeitou como boamente puido. Tres minutos máis tarde, o propio Davo puxo un balón raso ao punto de penalti desde a esquerda, onde chegou Lucas desde atrás. O gardameta local atrapou a pelota en dous tempos. Poucos segundos despois, Lucas disparou ao exterior da rede da portería local despois de recibir un pase en profundidade de Diego Villares.

Os branquiazuis buscaban con afán o gol. No minuto 69, Villares roubou a pelota a Amoah no extremo dereito e centrou por baixo para Pablo Valcarce, que rematou de calcaño e topouse cunha milagrosa intervención de Yoel.

Os locais deron un paso adiante e gozaron de dúas boas opcións nos minutos 71 e 72. Na primeira, Cocca disparou co seu pé esquerdo ás nubes após un balón peiteado ao segundo pau nun saque de banda. Na segunda, Dani Pichín quedou só após recibir un pase de Andreu Guiu pero rematou frouxo a mans de Germán.

Hugo Rama, primeiro cambio branquiazul, tentouno cun zurdazo desde fóra da área que se foi por riba do traveseiro, no minuto 74. No 79, un balón morto na área pequena após un centro de Paris Adot e mal despexe da defensa, tamén o enganchou mal Lucas de volea, chegando o balón mansamente a mans do porteiro local.

Lucas gozou dun man a man, no minuto 80, un pouco escorado á esquerda após gran pase por alto de Davo. Yoel tapoulle botándose encima del e a pelota acabou en córner. Nese mesmo saque de esquina chegou outra dobre ocasión. Dereitazo de Hugo Rama, gran parada de Yoel e o rexeite do porteiro empalmouno Diego Villares, co gardameta batido, pero rebotou nun defensa e foise a un novo córner.

Tanto foi o cántaro á fonte, que nun novo saque de esquina, no minuto 86, adiantouse o Dépor. Lanzouno Salva Sevilla á área pequena, o coiro escapóuselle das mans a Yoel e caeu a pés de Jaime, que o mandou ao fondo das mallas.

Co marcador a favor e 6 minutos de tempo engadido por diante, o Dépor tivo a ocasión de pechar o partido nun claro contragolpe que nin Hugo Rama nin Salva Sevilla foron capaces de concretar. E cando estaba a piques de cumprirse o tempo marcado polo cuarto árbitro, un centro á área á desesperada atopou a Cubillas completamente só e o ex fabrilista cabeceou ao fondo das mallas para empatar o partido.

Aínda houbo tempo para que o Dépor colgase unha falta á área local. Martínez fíxose coa pelota no segundo pau, volveuna a colgar cara á área e o coiro chegou a Hugo Rama, que disparou por encima do traveseiro.

Con este empate, o Dépor suma 18 puntos após 13 xornadas.

SD Tarazona: Yoel, San Emeterio (Pedreño, min. 89), Trilles, Amoah (Areso, min. 89), Cocca, Fer Cano (Guille Alonso, min. 67), Carlos Javier, Keita, Álex Gil (Dani Pichín, min. 67), Andreu Guiu e Cubillas.

RC Deportivo: Germán, Paris Adot, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Balenziaga, Diego Villares, Jaime, Salva Sevilla, Davo (Martín Ochoa, min. 83), Lucas (Cayarga, min. 90+4) e Pablo Valcarce (Hugo Rama, min. 70).

Goles: 0-1 Jaime (min. 86); 1-1 Cubillas (min. 90+5).

Árbitro: Juan Manuel Gordillo Escamilla (c. valenciano). Cartón amarelo a Jaime (min. 48), Balenziaga (min. 64), Andreu Guiu (min. 84), Germán (min. 90) e Carlos Javier (min. 90+7).

Incidencias: partido correspondente á 13ª xornada do grupo 1 de Primera Federación disputado no estadio Municipal de Tarazona.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK