O Fabril buscará mañá sábado 7 de outubro en Abegondo (17:00, Youtube RC Deportivo e TVG-2) ante a SD Compostela confirmar a súa traxectoria e de paso o seu terceiro triunfo consecutivo após as últimas vitorias ante a Arandina CF e CD Covadonga. O choque corresponde á 6ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
En rolda de prensa, Óscar Gilsanz apunta que eses dous bos resultados supoñen para o filial "unha inxección de confianza e de crer no que os mozos fan".
Explica que "nós tratamos de que se dean conta da dificultade que ten iso nesta categoría, sobre todo porque moitos veñen de categorías de base onde se encadean vitorias máis asiduidade, pero neste caso están a valorar o que significa facelo en Segunda RFEF".
O técnico fabrilista insiste no entanto en buscar que "pensen partido a partido; non tanto en encadear vitorias, derrotas ou outro tipo de situacións, senón que pensemos que cada partido é unha oportunidade para todos, para os xogadores, de demostrar as capacidades que teñen e que iso nos traslade aos resultados e así poderemos encadear esas situacións".
O Fabril chega ao choque na 8ª posición da táboa con 8 puntos.
O equipo recupera a Hugo Ríos pero perde por lesión a Puerto, que onte sufriu unha escordadura de nocello co adestramento do primeiro equipo; e Álvaro Santamaría, enfermo.
Ademais, Mella, Martín Ochoa, Jairo e Rubén están co primeiro equipo de cara ao partido de Primera RFEF en ABANCA-RIAZOR ante a Celta Fortuna.
Na convocatoria de Óscar Gilsanz entraron os xuvenís Kevin, Manu Berrocal e Mardones.
Precisamente Kevin acaba de ser convocado pola selección española sub-19 para un dobre partido ante Israel na localidade alacantina de Alfaz del Pi neste mes de outubro.
O canteirán deportivista, que a pasada fin de semana ante o CD Covadonga anotou o seu primeiro gol no filial, concentrarase co combinado nacional o vindeiro luns 9. "Todo xogador que fai goles redobra a súa confianza e o seu nivel de activación. Os dianteiros que fan goles sempre o van a facer. Confiamos en que sexa así para Kevin, Mati Castillo, Tim, Martín Ochoa cando estea connosco, para todos".
Pola súa banda, a SD Compostela marcha na 10ª posición con 5 puntos.
Esta temporada existe un precedente entre os dous equipos: un amigable o pasado mes de agosto no campo 4 de Abegondo saldado con empate sen goles (0-0).
Os compostelanistas preséntanse ao choque após caer a pasada fin de semana no Estadio San Lázaro - Vero Boquete co Ourense CF (0-1).
Lonxe do seu campo, o equipo que dirixe o ex deportivista Manel Menéndez empatou en Luanco (0-0) e na súa visita ao CD Covadonga (1-1).
En rolda de prensa, o adestrador santiagués lembrou que no seu equipo "a enfermaría está un pouco cargadilla" debido ás lesións de Riki Mangana, Juanpa e Euse; aínda que "a alegría é con Fran López, que xa podemos ir utilizándoo aos poucos".
Manel cualifica o partido como "moi importante emocional e mentalmente para quitarnos ese lastre cando perdes dous partidos e máis en casa. En San Lázaro temos que ser un equipo forte e demostrar a calidade que ten e non se deron os resultados".
Buscará o Compos no campo principal de Abegondo "gañar, recuperar o bo que tiñamos da pretemporada e volver a carburar. Pero temos un rival difícil diante que hai que respectar, porque vén con 2 vitorias pero o equipo está capacitado para gañar en calquera lado".
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes á Cidade Deportiva.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras acodes socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.