RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

O Fabril, que fixo un grandísimo partido, queda a 2 minutos de certificar a permanencia ao encaixar o empate do Pontevedra no 92

O Fabril quedou a dous minutos de certificar a permanencia este mediodía en Abegondo ao encaixar o gol do empate a dous definitivo do Pontevedra CF no minuto 92 (o árbitro dera 4 minutos de tempo engadido). "Fixemos un moi bo partido. Hai que valorar os partidos segundo o rival que che enfrontas. O equipo fixo un grandísimo partido", subliñou ante os medios de comunicación Óscar Gilsanz.

Os pontevedreses, aínda que xa estaban fóra das opcións do título ao ir gañando o Ourense CF o seu partido, víronse por detrás no marcador no minuto 89 co segundo gol obra de Barba e apertaron no tempo extra para conseguir a igualada.

Un triunfo branquiazul supuxese a salvación matemática dos fabrilistas pero agora, con esta igualada, terán que esperar á última xornada, o vindeiro domingo 5 de maio coa visita ao Real Oviedo Vetusta. Un empate sería suficiente para lograr o obxectivo sen depender doutros resultados.

O Fabril é 10º con 41 puntos, 2 puntos por encima da posición de play out que ocupa agora o Marino de Luanco (13º con 39 puntos). Ademais dos fabrilistas xogaranse esa praza de promoción o Racing Villalbés (14º con 37 puntos), RS Gimnástica de Torrelavega (12º con 40 puntos) e Real Avilés Industrial (11º con 41 puntos) e Coruxo FC (9º con 42 puntos).

Este mediodía causaron baixa por lesión David Vilán; ademais de Rubén López, citado co primeiro equipo. Por contra, Óscar Gilsanz puido contar con Martín Ochoa, recuperado da súa lesión muscular e despois de estar toda a semana traballando ás ordes de Imanol Idiakez. O dianteiro entrou na recta final e tivo nas súas botas a salvación cunha oportunidade no último minuto do partido.

Saíron forte os granates. Aos 2 minutos, Toño Calvo xutaba con violencia desde fóra da área e obrigou a Hugo Ríos a desviar con moitos apuros.

O Fabril agardaba no seu campo acazapado e tentaba contragolpes con balóns ás costas aproveitando a velocidade de Kevin.

No minuto 22, Chiqui, entrando por banda esquerda, márchase cara ao centro e o seu disparo vaise fóra por moi pouco.

Aos poucos o filial equilibra o partido despois dunha saída frenética visitante. Iso si, de momento o ex deportivista Edu Sousa non tiña apenas que actuar.

Aos 32 minutos, si intervén con acerto nun lanzamento de falta de Lache na frontal de área. O rexeite vólveo a meter á área pontevedresa Diego Gómez e Álex Pereira, coas costas, anota o primeiro.

O conxunto de Yago Iglesias lánzase a polo empate e conségueo na recta final grazas ao acerto de Chiqui, libre de marca, após recibir de Toño Calvo.

Así se chegou ao tempo de descanso. "Na primeira parte, salvo un descoido dalgunha xogada por fóra creo que estivemos bastante ben até ese erro na saída de balón que supón o empate a un. Estabamos a controlar bastante ben ao Pontevedra. É certo que non estabamos precisos despois de roubar balón nese pase ás costas da liña defensiva que criamos que era o espazo que debiamos atacar con Kevin, Nájera e Diego Gómez. Aí non estabamos a ser precisos", explicou Óscar Gilsanz na sala de prensa.

Comezou atinado o Fabril a segunda metade, moi serio e co Pontevedra CF lonxe da área de Hugo Ríos. "Empezamos bastante ben", declarou o preparador fabrilista. 

A primeira ocasión foi para Jairo, que entrando de segunda liña recibiu un intelixente pase de Kevin Sánchez pero, moi forzado polo seu defensor, o seu disparo repéleo Edu Sousa. Corría o minuto 59.

Catro minutos despois, Nájera, despois de sortear a varios defensores, dispara desde a frontal. Edu Sousa atallou con seguridade.

Seguía acumulando ocasións o Fabril. No minuto 64, Diego Gómez cabecea alto nunha posición forzada.

Respondeu o Pontevedra CF ao minuto cun disparo afastado de Dalisson que detén Hugo Ríos.

O partido xogábase sobre todo en campo pontevedrés aínda que "canto máis nos abriamos para buscar o gol máis sufriamos nas transicións, esas conducións de Chiqui ou Dalisson. Facíannos moito dano e obrigábannos a defender correndo cara atrás, co cal tiñamos máis dificultades", apuntou o técnico fabrilista.

Así, o conxunto de Yago Iglesias puido adiantarse no marcador no minuto 70. Bastos remata ao pau dereito da meta fabrilista. O rexeite cae a Chiqui pero Hugo Ríos, desde o chan, consegue desviar o esférico. Foi a mellor oportunidade no que levaba do segundo tempo para o Pontevedra CF, que demostraba ademais o potencial ofensivo granate.

Óscar Gilsanz move o banco "para buscar máis fortaleza por dentro con Barba e para buscar un pouco máis de profundidade con Mati Castillo. Fomos capaces de xerar situacións. É certo que o Pontevedra CF cando nos descubriamos tiña máis opcións", engadiu Óscar Gilsanz.

Así chega o segundo gol do Fabril no minuto 89. Diego Gómez lanza un saque de esquina ao corazón da área e o balón introdúcese na portería nunha maraña de atacantes branquiazuis e defensores granotas; aínda que o colexiado do partido, o cántabro Ruiz Martín, adxudicoullo a Barba.

O árbitro engadiu 4 minutos e o Pontevedra CF lanzouse a por o seu segundo gol. Encerrou ao Fabril na súa área e "cando non había tempo para case nada chegou o empate. É unha pena porque se fósemos outro tipo de equipo neses últimos 4 minutos non se xogarían", lamentouse Óscar Gilsanz.

No entanto, si houbo tempo para unha última ocasión. Martín Ochoa plántase só ante Edu Sousa pero decide ceder a un compañeiro en lugar de rematar a portería. A defensa pontevedresa despexou o esférico. Con esta oportunidade acabouse o partido.

O vindeiro domingo 5 de maio ás 12:00, a Fabril visita ao Real Oviedo Vetusta no Requexón (campo 1).

Fabril: Hugo Ríos, Lache, Álex Pereira (Mati Castillo, min. 75), Puerto (Jorge, min. 85), Marotías, Brais Val, Álex Alfaro, Jairo (Mardones, min. 85), Nájera (Barba, min. 75), Diego Gómez e Kevin (Martín Ochoa, min. 79)

Pontevedra CF: Edu Sousa, Churre, Mario Gómez, Toño Calvo (Bastos, min. 67), Yelko Piña (Borja Domínguez, min. 75), Chiqui, Samu Mayo, Dalisson, Garay (Rufo, min. 75), E. Zabaleta e Charly (Gueye, min. 75)

Goles: 1-0 Álex Pereira (min. 33); 1-1 Chiqui (min. 39); 2-1 Barba (m. 89); 2-2 Mario Gómez (min. 90+2)

Árbitro: David Ruiz Martín, do comité cántabro. Amoestou a Mario Gómez (min. 22), Álex Alfaro (min. 30), Samu Mayo (min. 48), Brais Val (min. 63) e Churre (min. 71)

Incidencias: Partido correspondente á 33ª xornada, penúltima, no grupo 1º de Segunda Federación disputado en Abegondo, coa bancada chea de afeccionados, entre eles case un centenar do Pontevedra CF

📸GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK