RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Óscar Gilsanz advirte que cos canteiráns hai que simplemente esixirlles e ter a paciencia necesaria con eles

Óscar Gilsanz asegurou en rolda de prensa que o pasado mércores no partido de Copa del Rey do primeiro equipo ante o CD Tenerife os fabrilistas que actuaron "demostraron unha capacidade de adaptación ás circunstancias, ao partido, ao ritmo moi bo. E iso é un motivo de orgullo non só para min senón para todos os que levan anos traballando aquí en Abegondo. Ese é o camiño, que os xogadores cheguen e que cando cheguen o mellor preparados posible. É a folla de ruta que debemos de seguir e da que debemos felicitarnos".

O adestrador fabrilista subliña que "son capaces de dar un bo rendemento e ao día despois hai que esixirlles, seguir no camiño da formación con eles, coa paciencia e a esixencia da man". "Simplemente esixirlles e ter a paciencia necesaria con eles", engade.

Lembra que "o primeiro obxectivo como filial é que os xogadores cheguen ao primeiro equipo, e que cando cheguen dean un bo nivel. Unha vez péchase esa páxina, nós temos que preparar o partido. A nivel competitivo é importante que o equipo siga competindo como o está facendo. Máis que un pese negativo (as citacións do primeiro equipo) debemos ver unha adaptación cada semana ao que nos toca vivir: un día que o primeiro equipo xoga antes que nós, outro día non xoga... Hai que adaptarse aos poucos".

Advertiu sobre o partido deste domingo 10 de decembro en Abegondo ante o Coruxo FC (19:30, Youtube RC Deportivo) que "nesta competición, xogar partidos contra rivais próximos sempre dáche un coñecemento dos rivais tanto para nós como para eles, que terán máis coñecemento do noso equipo. Todo iso fai que se iguale máis".

Explica por último que "dentro desas pequenas dificultades que temos en canto ás baixas e ao partido de Copa do Dépor, que xogaron moitos mozos da canteira, axustámolo da mellor maneira posible para ter unha boa semana. Estamos pendentes dos xogadores cos que imos poder contar", conclúe.