RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Óscar Gilsanz: "Imos ir a máis e traballamos para iso"

Óscar Gilsanz subliñou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que o equipo "está ben. Levamos con boas sensacións varios partidos, pero todos queremos que haxa puntos, que dan confianza, que fan confiar aos mozos no que están a facer, que sempre axudan".

Despois de revisar o empate da pasada fin de semana en casa ante o UP Langreo, sostén que "o camiño que estamos a levar co equipo e o rendemento dos xogadores cremos que é o correcto; co cal estamos tranquilos, traballando, mellorando cousas... Somos un equipo moi novo, con xogadores que teñen moi pouca experiencia nesta categoría. Imos ir a máis e traballamos para iso".

Considera "un pracer" visitar este domingo 13 de outubro ás 17:00 o campo de Miramar de Luanco, "onde se respira fútbol, onde sempre hai moi bo ambiente en cada partido e onde se viven os partidos dunha maneira intensa. A min particularmente gústanme este tipo partidos".

Do Marino, o preparador fabrilista advirte que "combina moi ben a experiencia de xogadores que foron importantes en categorías superiores, coa mocidade de xogadores que lle dan velocidade e que son capaces de levar o partido a diferentes situacións, a diferentes contextos. É un equipo capaz de combinar porque ten moitísima calidade por dentro. Tanto Guille Pinín como Nacho matador como Lora son xogadores de moitísimo nivel con balón. Tamén son capaces de xogarche na última liña, xerarche problemas nos duelos e de contraatacar como vimos no último partido contra o Pontevedra, ao que gañaron nunha contra case perfecta".

Conclúe Óscar Gilsanz que o rival do Fabril esta fin de semana "ten moita dificultade e trataremos nós de estar a un bo nivel, porque se non nos vai a custar".