RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Óscar Gilsanz cre que o Dépor está no proceso de "ir matizando certos aspectos que poden mellorar ao equipo"

Óscar Gilsanz insistiu na sala de prensa de Abegondo en "aproveitar o bo que facía o equipo, que eran moitas cousas, e ir matizando certos aspectos que poden mellorar ao equipo. Estamos nese proceso de ir introducindo algún matiz pero sen parar, prestando atención á competición semanal que é o que nos ocupa, o máis importante".

Mostra o seu agrado polos equipos que "poidan ofrecer bo rendemento en diferentes contextos. E nese proceso estamos, sendo un equipo fiable defensivamente sen perder un chisco da capacidade en último terzo; sendo propositivo, cunha tendencia a viaxar xuntos con balón, a levar a xogada da mellor maneira posible á parcela ofensiva para mostrar todas as nosas calidades en ataque, que son moitas".

Advirte que o Cádiz CF, rival mañá sábado 30 de novembro ás 18:30 no Nuevo Mirandilla (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2), conta con "xogadores de moita experiencia. Algúns deles xa coñecidos porque estiveron aquí outras etapas (caso de Carlos Fernández), co firme obxectivo de volver este ano a Primera División".

Con 1 punto máis que o Dépor na clasificación de LaLiga Hypermotion, o técnico branquiazul opina que "a categoría nos mostra toda a súa realidade. Móstrallo a todos e ao Cádiz CF tamén".

Cre que o Cádiz CF "nas últimas semanas en casa mostrouse moi fiable, alternando o xogo combinativo con aproveitar os espazos ás costas da liña defensiva rival". Destaca aos seus dianteiros "con moita capacidade para facer desmarques de ruptura e con xogadores desequilibrantes de tres cuartos para adiante, co cal vai ser un partido de máxima esixencia para nós".

No entanto, "se nós estamos ben e a bo nivel, imos ser un rival difícil para eles".

Resta importancia á baixa por sanción de Ontiveros porque "o Cádiz CF ten xogadores suficientes e de moitísimo nivel para notar as baixas. Non creo que a súa ausencia lle cambie moito no estilo de xogo".

Con todo, Óscar Gilsanz subliña que "estamos a pensar diferentes situacións e que cousas temos para poder cambiar o partido unha vez iniciado. Aínda que lle damos moita importancia, sobre todo desde fóra, aos xogadores que saen no once inicial moitas veces os que saen son fundamentais para o desenvolvemento do partido, para o camiño no último tramo".