Óscar Manuel Gilsanz González (Betanzos, 4 de xaneiro de 1973) foi presentado este mediodía como adestrador do Dépor para o que resta de temporada.
Fernando Soriano, Director de Fútbol, definiuno na sala de prensa de Abegondo como un "home da casa, de Club. Leva 5 anos connosco. Como xuvenil foi campión de liga (División de Honra), campión da Copa de España. Co Fabril ascendeu a Segunda Federación e o último ano conseguiu a permanencia. E agora vai ser o adestrador do primeiro equipo".
O novo técnico branquiazul desvela que "o martes da semana pasada comunícame (Fernando Soriano) a posibilidade de que vaia pensando en preparar o adestramento do mércores e despois durante a semana que vou a Cartagena. A comunicación entre Fernando e eu é diaria. O domingo (3 de novembro) tivemos unha conversación e o luns (4 de novembro) unha proposta formal. Non tardei nin 5 segundos en dicirlle que si, que afrontaba esta situación con toda a ilusión e con todas as ganas do mundo".
Confesou estar "ilusionado sobre todo porque é un paso máis, no club onde levo os últimos 5 anos e onde fun afeccionado de sempre; co cal dobre ilusión e sobre todo tamén responsabilizado".
Así pois, sente "moi orgulloso de ser adestrador, de ser galego, de Betanzos, deportivista, de pasar polos equipos polos que pasei, moi satisfeito, moi contento e moi orgulloso de estar onde estou, de representar un camiño que se pode seguir cos grandes profesionais que hai aquí na casa, en Abegondo; que somos capaces de espertar a confianza da xente para levar o primeiro equipo neste caso".
Márcase como obxectivo "ser capaces de ver un equipo reconocible, un equipo con confianza, cunha fortaleza mental moi grande, aproveitarnos sobre todo do colectivo, un valor que ten o cadro dentro e hai que tratar de explotalo. Hai que tratar de que a confianza do futbolista sexa máxima e no día a día irase vendo o plan de actuación".
Admite que "todos queremos un equipo que gañe todos os domingos. Se podemos conseguir un equipo que gañe todos os domingos, que sexa capaz de xogar en calquera escenario, en calquera contexto... É o que buscamos. No fútbol non se gaña sempre. O que trataremos é de ir dándolle eses pequenos matices que cremos que poden mellorar o equipo e a partir de aí aumentar a competitividade en canto a puntos, en canto ao rendemento como equipo no día a día. Pero sobre todo traballar para ser cada vez mellores, mellorar aspectos que o equipo poden estar máis débiles e nese sentido ir encamiñando o traballo cara aí".
Queda con "todas" as mensaxes de felicitación que recibiu nas últimas horas e apunta que na súa casa "trato de afrontar as cousas con tranquilidade, con normalidade porque é a maneira na que se poden asimilar e gozar mellor".
Coa súa chegada a un vestiario profesional, Óscar Gilsanz lembra que "debemos de tratar á xente con naturalidade. Un grupo de 30 persoas máis o corpo técnico sempre necesita unha xestión. Haberá momentos mellores, momentos peores, pero as persoas sempre están por diante".
Con respecto a #ANOSACANTEIRA insiste en "continuar co traballo que no Club está a instaurarse desde hai uns anos, de aproveitar o talento que se traballa en Abegondo, cos grandes profesionais que traballan no Club cos mozos e aproveitalo para o primeiro equipo. Hai mostras máis que palpables de que iso se está facendo e entón ter esa continuidade. Sempre que se fala de subir xogadores de canteira haberá momentos onde suba algún máis dos que no Club espera ese ano e outras veces que suba algún menos. Pero o compromiso do club coa canteira é 100% e seguiremos traballando nese sentido".
Fernando Soriano
Pola súa banda, Fernando Soriano asegura que a substitución de Imanol Idiakez é "unha decisión puramente deportiva. Tiñamos 10 puntos de 36, situacións que vas vendo no día a día. Vas vendo que se cadra é momento do cambio. Reunímonos o domingo despois do partido (ante o Real Racing Club). Despois dunha longa conversación tomamos a decisión de que é o camiño correcto".
Indica que tomada esa decisión, "tiñamos claro que estabamos ben cubertos. Cando falamos de fútbol profesional falamos de primeiro equipo, pero falamos de Fabril e División de Honra. O 100% do concepto no primeiro equipo é rendemento. No Fabril 80% rendemento, 20% formación; e o Xuvenil A 75% rendemento e 25% formación. Está moi preto do fútbol profesional. Cando planificamos un cadro unha temporada sabemos que os adestradores do Fabril e da División de Honra teñen que estar preparados para, en caso de en un momento determinado, sexan capaces de poder afrontar unha experiencia como o acaba de afrontar Óscar no primeiro equipo porque está moi preto diso".
O Director de Fútbol branquiazul afirma que "estabamos a barallar uns nomes pero había que estudalos ben, non nos podiamos precipitar, estabamos ben cubertos. Decidiuse que Óscar collese o equipo o martes pola mañá (29 de outubro) e o mércores (30 de outubro) comunícaselle que vai levar o equipo en Cartagena porque se algo tiñamos claro é que non nos iamos a precipitar. Queriamos traballar por convencemento, con responsabilidade, sabendo o proxecto que temos entre mans, sabendo o que se está facendo, onde queremos chegar. E nese sentido queriamos tomar a mellor decisión. E así foi. A partir do martes puxémonos a barallar diferentes opcións, entre elas, por suposto, vimos a Óscar traballar no día a día, sabiamos que estaba capacitado, pero sempre tes tamén esa dúbida de fútbol profesional, diferentes xogadores... Ao longo da semana imos vendo opcións e xa despois do partido de Cartagena volvémonos a sentar o domingo (3 de novembro), pomos as diferentes posibilidades e tomamos a decisión que por convencemento total, Óscar é a persoa adecuada para dirixir ao Deportivo agora mesmo. O luns (4 de novembro) comunícaselle".
Finalmente Fernando Soriano lembra "o que se está investindo en que Abegondo sexa un centro de formación moderno, importante e máis o que lle falta por vir. Necesitabamos un adestrador que entendese iso. Temos un grupo fantástico de xogadores a nivel humano, unha piña. O ano pasado conseguiuse algo importante non só nos xogadores, tamén nos que van de vermello. Quería alguén que non trastornase moito iso. É certo que había adestradores cos que puidemos falar nun momento determinado. O modelo de xogo gustábanos, pola calidade que temos nos xogadores, que teña unha disposición un pouco como traballaba Óscar ou como o que estabamos a demostrar até agora. E logo Óscar coñece perfectamente o noso traballo de rapaces e sabe que a proxección é importante. Está a facerse un esforzo en todos os sentidos. E tamén reforza a idea que ten o Club, non só o proxecto de canteira de xogadores, senón tamén de adestradores tamén coa subida de Óscar e a chegada de Manuel Pablo ao Fabril".