RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Óscar Gilsanz: O obxectivo é facer que os mozos sexan capaces de competir, de subir un chanzo máis

Óscar Gilsanz pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O técnico fabrilista, a 17 de xullo, márcase como obxectivo xestionar o feito de que "soben moitos xogadores ao primeiro equipo a facer pretemporada. Estamos nun cambio de ciclo de canteira como é habitual todos os anos: soben xogadores ou saen xogadores que por idade teñen que ir saíndo. Este ano un pouco máis acusado polas circunstancias propias dunha canteira, dun filial. O bo traballo que fixeron os xogadores no filial fai que teñan opcións de primeiro equipo algúns e outros que busquen saír. Incorpóranse xogadores xuvenís, algunha fichaxe... É un cambio de ciclo e tratamos sobre todo de adaptar agora mesmo aos xogadores a unha maneira de xogar, a unha maneira de traballar no día a día. E agora estamos niso".

Iso si, asegura que o obxectivo é "facer que os mozos, que son xogadores de calidade, xogadores que veñen demostrando en categorías inferiores o seu bo nivel, sexan capaces de competir, de subir un chanzo máis; e a partir de aí facer que mostren o seu mellor nivel, aumentar o rendemento que poidan ter para que estean máis preto do primeiro equipo".

Así pois, conclúe Óscar Gilsanz que a meta é "facer que os mozos se vaian adaptando ao traballo do filial, que sabemos que cando chegue a competición é unha categoría esixente, que o ano pasado esixiunos moito cun grupo de xogadores que deu moi bo nivel neste club. Entón imos ir aos poucos traballando no día a día para ir aumentando o nivel dos xogadores".

Apunta que a sensación nestes primeiros días de pretemporada é de "moita ilusión, de moitas ganas de traballar. Os rapaces veñen con moitas ganas despois dun descanso merecido por todos. Estamos con ganas de volver recuperar as sensacións competitivas. As sensacións son positivas porque as capacidades dos xogadores para volver ao traballo son moi boas".

Advirte que "hai xogadores adestrando co primeiro equipo e iso fai que moitos xuvenís adestren connosco. É unha dinámica habitual en todas as pretemporadas. Iremos vendo aos poucos o nivel dos rapaces que van subindo. Están afeitos adestrar a bo nivel e é algo co que iremos traballando".

Preguntado por Ismael Arilla, novo Director de #ANOSACANTEIRA, indica que "cando unha persoa chega ten moitas ganas de traballar, de coñecer a contorna, o que se está facendo... Todos con ganas de seguir traballando para o Dépor, que é o máis importante".

Finalmente sobre as novas incorporacións, o adestrador do filial branquiazul opina que "son xogadores que o club viña seguindo. Sobre todo hai un denominador común, que son xogadores que veñen nunha liña ascendente en canto ao crecemento individual como futbolistas; que teñen moita ilusión; e que cada un dentro das súas características cremos que é o momento adecuado para que poidan seguir crecendo neste contexto do filial".