Óscar Gilsanz pediu nunha semana con dous encontros e a pouco máis de 24 horas da visita copeira ao Couto de mañá mércores 4 de decembro (20:00 horas, TVG) "centrar nosa vista no Ourense CF, que vai ser un rival moi complicado. A Copa ilusiona a todo o mundo: ao Club, aos futbolistas e á xente que estamos ao redor. É unha competición sempre ilusionante. Hai que tratar de facer un bo papel e pasar as maiores eliminatorias posibles".
Advertiu que para o cadro branquiazul "o partido de mañá non é nada fácil para ningún. Teñen que xogar como saben, pór todas as ilusións e esforzos no partido porque xa vemos que en cada xornada de Copa estatisticamente vai haber 4 ou 5 equipos de superior categoría que van quedar fóra nos enfrontamentos con equipos de inferior categoría. Todos os adestradores sabemos que a igualdade que hai hoxe en día no fútbol móstrase na Copa".
Insiste en que o choque "non é un exame para ningún xogador. Simplemente o que se trata é que o futbolista faga o que fai no día a día e nada máis".
Admite que "é posible que futbolistas con menos minutos posiblemente teñan opción porque cremos que están preparados para ser os que mellor poidan competir o partido. Simplemente con que fagan o que están a facer nos adestramentos van dar moi bo nivel".
Finalmente o técnico branquiazul opina do Ourense CF que "é bastante coñecido para min porque nos enfrontamos varias veces co Fabril. Co ascenso empezou cunha mala serie de resultados e agora con Pablo López (o seu adestrador) está de sorte, no mellor momento da temporada".
Indica que "está a xogar moi ben ao fútbol. É un equipo moi combinativo, xogando un 4-3-3, tentando darlle moita importancia ao balón, con extremos moi abertos que deixan espazo para as rupturas dos interiores... Está a dar moi bo nivel nestas xornadas e creo que vai ser un partido complicado".