RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Óscar Gilsanz: Temos unha gran confianza no traballo deste cadro

Óscar Gilsanz asegurou esta mañá en rolda de prensa que "temos unha gran confianza no traballo deste cadro. Posiblemente sexa un ano no que o traballo dos xogadores é máis importante, que máis e mellor está a traballarse. Nese sentido é bo para ese crecemento dos xogadores".

Despois de perder a pasada fin de semana ante o Valladolid Promesas en Abegondo nun partido que puido caer para calquera dos dous equipos, subliña que "o seu equipo está ben, traballando, con ganas de que chegue o próximo partido como sempre que vés dunha derrota".

Advirte que o UP Langreo, rival este sábado ás 18:00 horas no Novo Ganzábal, "é un dos rivais importantes da categoría. Reforzouse moi ben este ano e mantén un grupo de xogadores con varios anos alí en Langreo".

Ademais, pensa que o conxunto asturiano "adáptase moi ben a diferentes situacións de partido, a diferentes rivais. É capaz de variar a estrutura á hora de presionar, de facer xogo máis combinativo e de xogar aos espazos. Entón é un equipo moi completo, moi ben traballado. A traxectoria que leva como local é moi boa. Trataremos de, utilizando as nosas armas, ser capaces de gañar 3 puntos e de volver ter esas sensacións boas que o equipo está a ter de maneira habitual".

Sobre o céspede sintético do Novo Ganzábal, escenario do encontro, o técnico fabrilista cre que "hai que ter unha adaptación rápida sobre todo a nivel mental. É importante saber que os botes son diferentes, normalmente maiores, que os apoios son diferentes... É certo que estas novas xeracións están afeitas xogar moito en sintético pero hai que adaptarse rapidamente".

Finalmente, preguntado sobre a portería, con Hugo Ríos titular a pasada fin de semana relevando a Brais Suárez, Óscar Gilsanz opina que "temos dúas grandísimos porteiros. Gustaríame que ningún estivese sen xogar aínda que iso é imposible. Trataremos de aproveitar aos dous e que vaian no camiño que están a levar até agora. A competencia que teñen é moi boa e iso fai que os dous vaian mellorando. É o que se persegue".

Recalca en que busca "non tomar decisións que poidan alterar o bo desenvolvemento dos futbolistas. Temos dous grandes porteiros, os dous deben de xogar e trataremos de aproveitar iso".