RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Primeiro asalto polo título entre un Dépor que vai presentar un bo once e o CD Castellón, mañá mércores en ABANCA-RIAZOR

O Dépor e o CD Castellón disputan mañá mércores 29 de maio ás 21:00 horas (TVG-2 e FEF TV) en ABANCA-RIAZOR o primeiro asalto polo título de Primera Federación, á espera da volta do próximo domingo 2 de xuño en Castalia á mesma hora.

Os Nosos acabaron a liga no grupo 1º con triunfo o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Real Unión de Irún (3-1) e como campións, desde hai varias semanas, con 78 puntos por 70 do Nástic e FC Barcelona Atlètic. Os branquiazuis, que completaron a segunda volta sen unha soa derrota (15 vitorias e 4 empates), gañaron en total 22 partidos, empataron 12 e perderon 4. O balance goleador é claramente favorable: 64 goles a favor por 27 en contra.

O conxunto castellonenco, no que militan os ex deportivistas Haris Medunjanin, Salva Ruiz, Borja Granero e Josep Calavera, foi campión no grupo 2º, tamén hai varias semanas, con 82 puntos despois de 26 partidos gañados, 4 empatados e 8 perdidos; e con 74 goles marcados por 39 encaixados. No seu último partido de liga, o pasado sábado, caeu (0-1) en casa co Atlético Sanluqueño CF.

Imanol Idiakez encara este dobre choque de mañá con varias baixas tal e como explicou ante os medios de comunicación en rolda de prensa en ABANCA-RIAZOR: "Temos a Ximo Navarro, que non creo que poida estar; Jose Ángel evidentemente non; Berto ten algunha pequena opción, imos ver se a apuramos, el tamén quere; Alcaina está fóra; Yeremay está fóra; Hugo Rama está fóra; mañá non poderei contar con Barbero tampouco porque arrastra unhas molestias na pube e está moi xusto; Balenziaga tampouco estará para mañá; e máis Germán".

O técnico deportivista cre que "é raro que nun partido caian 4 xogadores con lesións, sobre todo as de Jose Ángel e Alcaina, tan serias, tan pouco habituais. O doutor Barral díxome que a de Jose non a viu en 30 anos de carreira médica no fútbol. É unha lesión rara, a de Alcaina unha pena; e a de Ximo e Berto si que son máis de circunstancias: Berto é unha patada e Ximo unha lesión muscular que non parece moi importante. Acumuláronse as baixas pero imos presentar un bo once e imos pelexar o partido mañá, por suposto".

Advirte que, no caso do mediocentro andaluz, coas vacacións aí, "o problema adoitan ser estas lesións que se van para o verán. Entón temos que meterlle man desde o inicio e xa estamos a falar como montar a recuperación na súa casa, con xente de confianza nosa, con fisios, con preparadores, porque o problema adoita ser cando te vas de vacacións e déixalo. Coñecendo a Jose Ángel non vai haber ningún problema e a expectativa é que para a pretemporada estea".

Con este panorama, están citados os canteiráns Rubén López, Martín Ochoa, Kevin Sánchez, Diego Gómez e Pablo García Taboada (A Coruña, 23 de xaneiro de 2008, na foto superior), que se estrea nunha convocatoria sendo xogador de categoría cadete. Chegou a Abegondo ao Benxamín B deportivista (hoxe Fabril FC Benxamín) procedente do Compañía de María e esta temporada foi habitual no lateral dereito do Xuvenil A de Manuel Pablo, campión da División de Honra.

Pablo Vázquez, que se pasou pola sala de prensa onte luns, advertiu que os levantinos "xogan moi ofensivo, poñen a 8 tíos por diante do balón, pechan con 3 e súper ofensivos. Vai ser bonito conterlles en ataque porque en ataque son bestas, son súper ofensivos. Vai ser unha boa proba para ver o ano que vén como nos imos a presentar polo menos os que estamos aquí xa".

O defensor branquiazul espera "outra festa en ABANCA-RIAZOR, a despedida xa a esta categoría para sempre e que goce #ANOSAFORZA, que nos vexa competir, que nos vexa correr, que nos vexa outra vez suar esa camiseta e gañar ao CD Castellón, que é a intención".

Existe un precedente próximo entre ambos os equipos, con motivo da primeira eliminatoria do play off de ascenso a Segunda División da pasada temporada. Venceron os branquiazuis en ABANCA-RIAZOR (1-0) e os castellonencos en Castalia (4-3) na prórroga, resultado que clasificou aos levantinos por mellor clasificación en liga (4º o Dépor no grupo 1º por 3º o CD Castellón no grupo 2º).

Dick Schreuder, actual técnico blanquinegro, opinou que "é unha viaxe moi bonita, contra un equipo moi bo. Eles gañaron a liga no outro grupo e teño ganas de xogar alí, nese incrible estadio e contra un gran equipo".

Finalizado o choque, Os Nosos descansan o xoves e adestraranse de novo o venres a partir das 11:00 en Abegondo.