RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Primeiro tropezón fabrilista (1-3)

O Fabril sufriu a súa primeira derrota da temporada, na súa estrea en casa ante o Rayo Cantabria, filial do Real Racing Club de Santander, que remontou o tanto inicial dos branquiazuis.

Óscar Gilsanz non puido contar con Jairo e Martín Ochoa, convocados para o partido do primeiro equipo fronte ao CD Teruel esta tarde en ABANCA-RIAZOR, nin con Iano Simão, convocado pola selección de Guinea-Bissau para os partidos internacionais desta semana. Os tres foron titulares en Avilés, no partido da primeira xornada, e o técnico fabrilista supliunos con Somolinos, co que Marotías ocupou o carril esquerdo en lugar do guineano; Nájera e Kevin Sánchez. Ademais, Barba supliu a Rubén López e Mati Castillo fixo o propio con Thymos. Por tanto, nada menos que cinco cambios con respecto ao once inicial fabrilista no arranque ligueiro.

A pesar de todo, o Fabril comezou ben. Aos 2 minutos, disparo de Kevin Sánchez desde a frontal lixeiramente desviado. Aos 5 minutos, Diego Gómez reclamou un posible penalti após desbordar ao seu par na mesma liña de fondo. Mati Castillo, no minuto 12, disparou alto desde o punto de penalti en xogada ensaiada, nun córner lanzado raso por Marotías desde a dereita do ataque coruñés.

O primeiro achegamento visitante chegou pouco despois, nunha cabezada desviada de Jorge Delgado e, recentemente superado o cuarto de hora de xogo, o dominio fabrilista plasmouse no marcador grazas a un penalti de Carrascal sobre Mati Castillo á entrada da área que transformou Diego Gómez.

A partir de aí, o filial santanderino fíxose co partido e as ocasións. Á media hora, avisou Neco Celorio cun potente zurdazo após recortar a Santamaría que rexeitou Ríos a córner. No minuto 36 chegou o empate, Marcos Bustillo capturou un rebote após un saque de esquina e fusilou a Ríos desde preto. E pouco antes do descanso, Santamaría puña por diante aos visitantes após recibir un pase interior na frontal da área, recortar a Somolinos e bater a Ríos cun dereitazo raso.

O Fabril reactivouse co inicio da segunda parte, coa entrada de Thymos Caroutas. Tamén quedou no vestiario Ríos, despois dun golpe recibido na primeira metade, ao que substituíu Brais Suárez. No minuto 49, Santamaría disparou alto á saída dun córner.

Con todo, o Rayo Cantabria aumentou a súa vantaxe no minuto 56. Diego Campo dividiu polo centro do ataque visitante e abriu á dereita para Diego Fuentes, que fusilou a Brais Suárez.

A partir do 1-3, o Fabril tentouno de todas as maneiras pero non atopou a forma de facer dano a un Rayo Cantabria que contivo todas as súas acometidas e que dispuxo dalgunhas oportunidades ao contragolpe, aínda que tampouco estivo preto de mover o marcador.

RC Deportivo Fabril: Ríos (Brais Suárez, min. 46), Santamaría, Peurto, Somolinos (Lache, min. 81), Marotías, Brais Val, Barba (Rubén López, min. 59), Diego Gómez, Nájera (Thymos Caroutas, min. 46), Mati Castillo e Kevin Sánchez (Vilán, min. 59).

Rayo Cantabria: Germán, Mateo Gandarillas (Isaac Obeng, min. 82), Carrascal, Gomeza, Adrián Corral, Diego Fuentes (Izan Yurrieta, min. 61), Marcos Bustillo, Diego Campo, Neco Celorio (Entrecanales, min. 70), Santamaría (Jeremy, min. 70) e Jorge Delgado.

Goles: 1-0 Diego Gómez (min. 18); 1-1 Marcos Bustillo (min. 36); 1-2 Santamaría (min. 43); 1-3 Diego Campo (min. 56).

Árbitro: Hugo Alonso Luiña (c. asturiano). Cartón amarelo a Vilán (min. 66), Diego Gómez (min. 68) e Marcos Bustillo (min. 89).

Incidencias: partido da 2ª xornada do grupo 1 de Segunda Federación disputado no campo principal da Cidade Deportiva de Abegondo.