RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Segundo partido consecutivo lonxe de ABANCA-RIAZOR para o Dépor, mañá en Sabadell, a por esa vitoria que todos estamos a desexar

O Dépor disputa mañá sábado 21 de outubro na Nova Creu Alta de Sabedell (19:00, FEF TV) o seu segundo partido consecutivo lonxe de ABANCA-RIAZOR.

Os resultados da pasada fin de semana deixaron a Os Nosos na 16ª posición da táboa de Primera Federación con 8 puntos.

Os branquiazuis viaxan esta fin de semana a Catalunya despois da malleira física e un trabajadísimo punto (1-1) en Ponferrada o pasado domingo, obrigados a xogar con 10 desde o minuto 10 no campo dun dos firmes aspirantes ao ascenso e sufrir dous groseiros erros arbitrais que a punto estiveron de botar por terra o gran esforzo de todo o equipo.

En rolda de prensa, Imanol Idiakez apuntou que o equipo pasou a semana "analizando, vendo e reforzando as cousas que fixemos ben, como sempre traballando na mellora. As circunstancias do partido foron as que foron, creo que o equipo fixo un bo traballo a pesar das circunstancias e que tamén houbo cousas que mellorar".

Insiste en que o seu equipo preparou este partido "con toda enerxía, a ver se chega esa vitoria, que a estamos todos desexando".

Recuperado Pablo Muñoz, que xa adestrou toda a semana co grupo, son baixa por lesión para a cita de mañá Yeremay, Balenziaga, Ximo Navarro e Barbero; ademais de Pablo Martínez, castigado cun partido de suspensión após a citada expulsión no Toralín.

Sobre os 'tocados', o adestrador branquiazul aclara que "Ximo xa empezou a facer cositas con Alejadro Canosa (readaptador). Hai algunha opción de que poida chegar para a semana que vén. Balenziaga non o temos claro porque parecía que podía ser para esta semana e non foi. Quero ser un pouco precavido. Yeremay vai tamén un pouquiño lento. Entón imos esperar a ver se a semana que vén temos mellores noticias".

Mella, Jairo, Martín Ochoa, Rubén e Óscar Marotías son os representantes de #ANOSACANTEIRA na citación de 22 futbolistas.

Imanol Idiakez dirixiu esta mañá unha última sesión de traballo no campo 3 de Abegondo media hora antes do horario habitual posto que á primeira hora da tarde a expedición deportivista viaxará a Sabadell, vía Barcelona.

O corpo técnico deportivista dispuxo unha activación, rondos, un repaso ao plan de xogo e ás accións a balón parado. Precisamente Jose Ángel en rolda de prensa após recoller o Premio Estrella ao mellor xogador do mes de setembro, subliñou que "no balón parado ofensiva e defensivamente estamos moi ben porque tampouco encaixamos e estamos a facer bastantes goles. Esta é unha categoría na que os goles a balón parado cobran un importante valor e é unha porcentaxe bastante alto cos goles que tes a finais de temporada".

O partido será especial para o capitán do Dépor Ian Mackay, que militou no CE Sabadell FC e foi decisivo no seu último ascenso a Segunda División.

O cadro catalán, un dos históricos do fútbol español no que agora están o ex deportivista Ortolá e o ex fabrilista Juanmi Carrión, preséntase ante a súa afección após caer a pasada fin de semana en Majadahonda (3-1) na estrea de Gerard Bofill no banco do CE Sabadell FC após substituír a Miki Lladó, cesado o pasado 9 de outubro.

Esta temporada na Nova Creu Alta os cataláns gañaron ao Atlético Osasuna B (2-1) e Sestao River (3-0); e caeron coa SD Logroñés (1-2) e o CF Fuenlabrada (0-1).

Os arlequinados, que cualificaron nas súas redes sociais o partido como "histórico", marchan na 17ª posición da táboa con 7 puntos.

O centrocampista Álex Gualda asegura que "de ánimo estamos ben. É verdade que despois dunha derrota os primeiros días estás mal pero desde que empezamos a semana estamos enfocados, listos, con ganas de dar unha boa imaxe e de gañar ao Deportivo".

Cre que "estamos a preparar ben o partido desta fin de semana" e vería un triunfo como "un punto de inflexión e máis ante o Deportivo, polo club que é e pola xente que vai vir ao estadio. Vai ser un partido bonito, disputado. Se gañamos imos ir coa moral ben alta para o que vén".

Finalizado o encontro, o Dépor pasa a noite en Sabadell e regresa á primeira hora da mañá do domingo 22 directo a adestrar a Abegondo, a partir das 13:00 horas.